OurenseÚltima hora

Iniciativas en defensa do Rexistro Civil

Proximamente celebrarase unha asemblea no Barco para explicar o impacto da privatización do servizo
Os avogados Belén Polo e Eloy Rodríguez antes da reunión celebrada en Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.
Os avogados Belén Polo e Eloy Rodríguez antes da reunión celebrada en Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

A tres meses para que entre en vigor o peche dos rexistros civís nos Concellos (15 de xullo), o 7 de abril tiña lugar no ICA (Ilustre Colexio de Avogados) de Ourense, unha reunión que contou coa presenza de representantes do Rexistro Civil de Ourense, dos avogados dos partidos xudiciais de Xinzo, Verín e O Barco de Valdeorras, así como do Colexio de Avogados de Ourense.

Na xuntanza falouse do impacto social da medida, tanto económico sobre todo polo tema dos expedientes, como social polo trastorno que suporá para os cidadáns ao quedar unicamente 5 rexistros en toda Galicia. Co momento preelectoral que se está a vivir “queda pouco tempo polo que temos que actuar canto antes” explican os asistentes á reunión coa que se reactivan as plataformas que estaban en estado latente dende o tema da defensa dos partidos xudiciais.

A primeira medida a adoptar, será unha asemblea cidadá con data pendente de fixar, para que funcionarios do Rexistro Civil de Ourense se acheguen ata O Barco de Valdeorras e expliquen á poboación o impacto da medida. “Xinzo e Verín xa teñen data para a asemblea que será os días 15 e 16 de abril” explican os promotores da iniciativa, adiantando que as seguintes medidas consistirán en concentracións e difusión do tema.

Artigos relacionados

Back to top button