A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de celebrar a XI reunión da Oficina/Mesa Técnica da Seca da CH Miño-Sil, constituída o pasado mes de febreiro. No encontro poñíanse sobre a mesa datos como os da precipitación acumulada media desde o 1 de outubro pasado ata o 30 de novembro de 2022 foi de 390,5 l/m2, un 38% por encima da media, considerándose un inicio de ano hidrolóxico húmido.
Os encoros da demarcación están ao 53,59% un 4,39% inferior á media histórica e 7,44% máis que o ano pasado; os caudais circulantes un 30% por baixo dos habituais.
“Se analizamos as precipitacións medias acumuladas rexistradas nos últimos doce meses, continúan por baixo da media, concretamente un 18%, sendo máis marcada a diferenza na conca do Se, un 28 %, e menos no Baixo Miño cun 8%”, segundo se destaca dende o organismo de conca.
Estes datos evidencian “a mellora en todas as Unidades Territoriais polas intensas choivas de outubro e novembro, neste sentido, a situación é de normalidade en todo o territorio, fóra dos Sistemas do Miño Alto e A Limia, aínda que en ambos os casos o escenario está próximo á normalidade, que se espera alcanzar por completo a final do mes de decembro”, explica o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga.
Recomendacións
As predicións a medio prazo, indica a confederación, parecen indicar un trimestre -decembro22 a febreiro23, con precipitacións dentro das habituais, o que levaría á normalidade, de forma progresiva, a todo o territorio da Demarcación do Miño-Sil. De cumprirse esta previsión, a situación será de normalidade en relación coa escaseza en todo o territorio a final do mes de decembro de 2022 e en relación coa seca prolongada a final do mes de xaneiro de 2023.
Desde a CHMS, insístese na obrigación de levar a cabo un “uso sostible da auga” e ínstase ás autoridades competentes en abastecemento de augas (Administración Local) a realizar as melloras necesarias para evitar perdas e fugas nas redes, evitando así que se repitan os problemas de restricións, acaecidos o pasado verán nalgúns núcleos de poboación.
“A adopción de medidas e o concienciar á poboación ao uso racional e responsable da auga é fundamental para evitar restricións puntuais #ante a escaseza do recurso”, concluíu o presidente da CHMS.