CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Intercambio virtual de versos entre o folión de Castiñeira e o de Mormentelos (Vilariño de Conso)

Estas dúas aldeas conservan un antigo ritual de visitas durante o tempo de Entroido, interrompido este ano pola situación sanitaria

Publicidade
Boteiros de Castiñeira na visita realizada no 2019 a Mormentelos (Vilariño de Conso)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

É unha tradición que vén de moi antigo. Durante o Entroido mantense un intercambio de visitas entre o folión de Mormentelos e o de Castiñeira, dúas aldeas do municipio de Vilariño de Conso. O pasado ano era Castiñeira a que recibía a visita de Mormentelos, coa súa comparsa feminina, os bailes dos seus Boteiros e o intenso toque do seu fulión.

Neste ano 2021 tocáballe ser anfitrión a Mormentelos, pero este ritual interrompíase polo Covid. Non puido haber petición de permiso, nin ronda polo pobo co folión, nin cea compartida.

Sen embargo, o Sábado de Entroido, que era cando a Castiñeira lle tocaría visitar Mormentelos, os veciños desta última localidade recibían unha agradable sorpresa vía internet. A través dunha serie de versos, o fulión de Castiñeira recreaba o que podía ter sido esta visita carnavalesca, renovando con este fermoso xesto o seu vínculo coa aldea á que lle correspondía visitar.

Despois de cair a noite
xuntámonos na Faceira
marcha pa Mormentelos
o pueblo de Castiñeira.

É un momento de alegría
pero tamén de ilusión
nada nos gusta máis
que ir alí co fulión.

Onda a granxa do Atilano
empeza a ceremonia
eiquí todos son servios
nos vos hai parsimonia!

Botámonos a andar
despaciño, silenciosamente
sabendo que un pueblo amigo
nos espera xusto en frente.

Sólo se escutan os pasos
llas esquilas dos boteiros
que dediante do fulión
deben ir os primeiros.

Saludámonos con respeto
o permiso é pedido
antes de empezar a ronda
este énos concedido.

Entre miradas cómplices
empezamos a tocar
gadañas e tambores
fain as calles temblar.

 

Boteiro de Castiñeiro durante a rondo do Entroido do 2019 por Mormentelos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os máis vellos desdes as ventanas
tamén acuden á cita
agradecéndonos desde modo
que lle volvamos a visita.

Sabemos que levan a conta
dos que hoxe están ausentes
ca certeza de que esta noite
os imos ter presentes.

Non se debe olvidar a historia
se se quere manter a unión
esto non é sólo unha festa
é a nosa tradición.

Despois chegarán as “bombas”
é momento de discurrir
todos xuntos en harmonía
fartámonos de rir.

Xa que todo se perdona
en tempo de Carnaval
o temas das restriciois
non se pode tomar a mal.

Han de vir tempos millores
iso sábemolo ben
así que desde eiquí me despido
vémonos o ano que vén!
VIVA O PUEBLO DE MORMENTELOS

 

Veciños de Mormentelos agardando a chegada do folión de Castiñeira á entrada do pobo no Entroido do 2017./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

E na noite do Luns de Entroido, o pobo de Mormentelos contestáballe, tamén a través de internet, con outra serie de versos, cheos de agradecemento e esperanza.

Dando unha volta no facebook
acabámonos de atopar
con uns versos moi emotivos
que case nos fan chorar.

Mormentelos está triste
e tamén desanimado
a visita que esperabamos
este ano non deu chegado.

Os motivos xa os sabemos
pero non o podemos evitar
o folión de Castiñeira
moito o botamos a faltar.

Esta noite de Carnaval
todos nos paramos a pensar
na emoción que sentiamos
cuando vos viamos chegar.

Cuando no alto da Servainza
moitas luces vemos brillar
salimos todos correndo
hasta o fondo do lugar.

Esa emoción que se sinte
naide cha pode quitar
algo que sintes por dentro
que non podes explicar.

E cando vos vemos chegar á Ponte
todos xuntos e ben formados
hai un silencio rotundo
quedamos todos calados.

E xa chegan os boteiros
ben dispostos pra falar
e nós estamos pensando:
témoslle que contestar.

 

Os Boteiros de Castiñeira pedindo en verso o permiso para tocar en Mormentelos no Entroido do 2017./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Soan forte as esquilas
as guadañas e tambores
e desfilan os boteiros
vestidos de mil colores.

A xentiña nas ventanas
e as calles cheas de alegría
esperamos un ano enteiro
para que chegue este día.

Pero o mellor da noite
aínda queda por chegar
despois de dar unha ronda
imos todos a cenar.

E comemos e bebemos
todo é unha alegría
e tomamos unha copa
pra alegrar un pouco a vida.

Estamos todos contentos
despois de beber un trago
empezamos coas nosas “bombas”
que nos dan muto traballo.

Versos veñen e versos van
e piropos dun lado para outro
pros veciños de Castiñeira
todo nos parece pouco.

Avós, mozos e rapaces
todos moi ben o pasamos
esta é a nosa tradición
dende xa vai moitos anos.

Neste ano especial
en todos vos pensamos
e queremos que sepáis
que moito vos estrañamos.

Non teñades pena veciños
que esto vai a pasar logo
e o ano que vén se Dios quere
xuntarémonos de novo.

 

Con este fermoso intercambio espontáneo e sentido, Castiñeira e Mormentelos trataban de superar a tristeza por non poder reunirse este Entroido e cumprir con esta antiga tradición que os une e que ata agora non se tiña interrompido. “Nin o virus pode evitar os versos entre Castiñeira e Mormentelos”, din os veciños, orgullosos desta tradición que os identifica.

Artigos relacionados

Back to top button