OurenseÚltima hora

Investigación para recuperar os bosques afectados pola praga da Phytophthora alni

O CSIC, por encargo da CHMS, buscará exemplares de ameneiro tolerantes a unha doenza que ten causado a morte dun gran número destas árbores nos ríos das bacias do Miño-Sil e Limia

confer1

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (a través de la Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, CHMS) vén de encargarlle ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) un traballo de investigación co fin de obter exemplares de ameneiro tolerantes a unha doenza producida, entre outras causas, por Phytophthora alni, e que ten causado a morte dun gran número destas árbores nos ríos das bacias do Miño-Sil e Limia. Con esta investigación búscase avanzar na recuperación e conservación dos bosques desta especie nestas zonas.

A confederación encomendou estes traballos ao CSIC, a través do Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, pola súa experiencia de máis de 25 anos en investigacións básicas e aplicadas encamiñadas á mellora e propagación mediante cultivo in vitro de especies forestais e leñosas, e que no ano 2010 desenvolveron, xunto co Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), os protocolos de micropropagación do ameneiro común (Alnus glutinosa). Este proxecto, que supón un investimento de máis de 67.000 euros, desenvolverase en tres fases: establecemento, multiplicación e enraizamento dos xenotipos seleccionados.

Por outra banda, a CHMS vén de encomendar á empresa Tragsa, a través do seu Viveiro Forestal, a realización dos testados de resistencia á Phytophthora alni sobre os exemplares de ameneiro xerados polo IIAG do CSIC, e a produción a gran escala dos xenotipos que superen os test por medios biotecnolóxicos das especies forestais.

Asemade a confederación fixo recentemente un inventario da incidencia da citada enfermidade en diferentes puntos da demarcación. Dos 148 mostreos realizados, detectouse a presenza de doenza en 26 árbores.

Foto: CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button