Con moitas ganas e ilusión, miles de afeccionados madrugaban na mañá deste domingo 16 de marzo para comezar a tan esperada tempada de pesca fluvial
Facía frío, pero a ratos tamén brillaba o sol, convidando aos pescadores (moitos en familia) a coller as canas e resto de apeiros rumbo ao río.
Nestas imaxes podemos ver a algúns deles no río Sil, ao seu paso pola Rúa, Vilamartín de Valdeorras e O Barco onde as troitas ían picando aínda timidamente. Algunha chegaba aos 3 kg e houbo quen lle adicaba a súa primeira captura da tempada ao seu pai “que me contaxiou a súa afección pola pesca .
Moitos decidíanse por ir ata Prada, no Concello da Veiga e algúns, incluso os dous sitios.
Segundo a Consellería de Medio Ambiente son máis de 47.000 os galegos que contan este ano con licenza en vigor, 24.530 das cales están exentas de pago neste momento por tratarse os seus titulares de menores de idade ou de persoas de máis de 65 anos. Esta exención foi unha das novidades recollidas na Lei de pesca continental autonómica aprobada en 2021 co fin de impulsar a remuda xeracional dun sector que conta cunha gran tradición na Comunidade e a día de hoxe xa beneficia á metade dos pescadores.
Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella e cedidas.