EconomíaEconomíaÚltima hora

Irosa e Samaca agradecen “o amplo apoio social” ao mantemento da súa actividade e emprego

Esta mañá estas empresas da lousa emitían un comunicado agradecendo a "ampla mobilizacion social" lograda na manifestación

 

A través dun comunicado emitido esta mañá, as empresas louseiras Irosa e Samaca veñen de amosar o seu agradecemento aos milleiros de persoas que na tarde deste venres se manifestaban no Barco de Valdeorras a favor do mantemento da súa actividade e emprego. “Tras a situación orixinada por mor da decisión xudicial de proceder ao desafiuzamento dos terreos nos que se erixen as súas instalacións, a empresa lamenta que este conflito auspiciado pola Xunta de Montes en man común de Portela e Trigal poida deixar sen traballo a máis de 300 persoas lastrando a economía da comarca”, aseguran no texto.

Así mesmo, desde Irosa e Samaca, afirman que a “mobilización social lograda e as mensaxes de apoio chegados desde diferentes partes de Galicia e de España procedentes tanto de persoas anónimas como de representantes de todas as cores políticas e de axentes sociais e económicos de diverso tipo supuxeron unha inxección de ánimo. O clamor popular, nunha mobilización multitudinaria con poucos precedentes na zona, danos a razón fronte a aqueles que queren destruír a economía da comarca en base a intereses espúreos e personalistas”, engaden desde a empresa. “Loitaremos por poder restablecer a nosa actividade máis pronto que tarde”, afirman.

Irosa e Samaca valoran, “especialmente, a resposta coordinada, unánime e común dos nove alcaldes de Valdeorras (pertencentes aos tres principais partidos galegos, con representación parlamentaria) en contra do desafiuzamento, así como tamén as mensaxes públicas a favor do mantemento da súa actividade chegados desde diferentes organismos e asociacións tales como o Clúster da Pizarra de Galicia, AEVA, a CEO ou o Centro Comercial Aberto do Barco, entre moitos outros”.

Ao mesmo tempo, “agradecen aos seus traballadores, aos representantes sindicais e tamén a ex traballadores da lousa de toda a comarca, así como a representantes doutras empresas, o apoio manifestado”.

Pero, sobre todo, Irosa e Samaca queren agradecer “a todos aqueles cidadáns anónimos que se solidarizaron co sector, ao que apoiaron publicamente manifestándose -aínda sen ter unha relación directa co ámbito de actividade da lousa- porque son conscientes de que se trata dun motor económico de primeira orde, xerador de emprego nunha comarca cun marcado sinal rural e vertebrador do territorio. Este apoio foi o máis inspirador de todos”, consideran desde Irosa e Samaca.

Artigos relacionados

Back to top button