Castro Caldelas prepárase para a celebrar a súa IV Feira de Gando no Toural tal e como se tiña acordado entre o Concello e os gandeiros da comarca. Nese senso, permanecerá aberto de xeito gratuíto o Centro de Desinfección o venres 17 de novembro de 16:00 a 20:00h (os vehículos deben vir lavados) e o sábado 18 durante toda a mañá (lavado, desinfección e desinsección).
No recinto do Toural tamén se establecerá unha zona habilitada para xantar con produtos da zona (as persoas interesadas en reservar poden facelo no teléfono 626230557). O menú custa 17€ e inclúe empanada, carne ao caldeiro ou churrasco, sobremesa, bebida e café (pulpo a parte na pulpeira).
“Despois de acadar a apertura permanente do Centro de Desinfección e da feira, para que poidan participar gandeiros e tratantes de toda España, este ano acordamos en consenso cos gandeiros da comarca a celebración dunha feira cada trimestre e a celebración da XXVI Feira Concurso-Exposición de Gando Vacún”, indica a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.
Ademais esta feira de novembro será a última deste 2023 e pechará o ano cunha moi alta participación de gandeiros e gando e, sobre todo, “cun número moi elevado de transaccións comerciais de compra-venda; sendo o promedio de aprox. 70/80 transaccións por feira”, segundo a rexedora.
Deste xeito, o Concello de Castro Caldelas considera aos gandeiros unha “parte esencial da economía caldelá e a carne que producen de altísima calidade, polo que debemos apoialos nas súas necesidades”. Nesta liña, o Centro de Desinfección está funcionando de xeito habitual 2 días por semana e sempre que o precisan os produtores “de xeito totalmente gratuíto tanto nas limpezas, desinfeccións e desinseccións. Asemade tamén colaboramos dando servizo a outros Concellos gratuitamente cando organizan algún evento gandeiro”, indican dende o Concello.