EconomíaEconomíaÚltima hora

IX Ruta dos Fornos de Celavente, o 30 de abril

Rubén Riós será o pregoeiro desta nova edición da festa gastronómica no municipio bolés
Asistentes á pasada edición da Ruta dos Fornos de Celavente. /Foto: Carlos G. Hervella.
Asistentes á pasada edición da Ruta dos Fornos de Celavente. /Foto: Carlos G. Hervella.

Gastronomía, natureza, sendeirismo, patrimonio e ata artesanía. Son os aspectos que combina a Ruta dos Fornos e das Fontes de Celavente, que o sábado 30 de abril celebrará a IX edición co actor, director e produtor ourensán Rubén Riós, como pregoeiro no punto de partida.

Alí, na caseta instalada na estrada fronte ao bar Rodríguez, os asistentes poderán recoller a taza e as entradas e xa ás 13h. tralo pregón e co acompañamento musical da charanga Compostela, arrancará o percorrido duns 4.600 metros polos diferentes barrios deste pobo do concello do Bolo, atravesando soutos, camiños e rúas do centro, ata rematar na praza onde conclúe a festa coa actuación musical da charanga e dunha discoteca móbil que en cada edición amenizan o baile.

As entradas poranse á venda quince días antes no restaurante A Lareira da Rúa, no bar Pote do Bolo e no bar Rodríguez de Celavente, (tameñn se poden reservar a través do correo electrónico rutadosfornos@terrasdobolo.com) e custarán 14 euros para os adultos e 7 para os nenos de entre 6 e 12 anos.

Así, pechando o mes de abril, a música da charanga marcará o inicio da ruta polos seis fornos: o do Viduedo, onde se degustará chourizo asado con pan e viño ou auga; o dos Ortos, con empanada e de novo viño e auga; o de Outeiro con orella e morro cocidos; a Adega da Capilla, con doce de castañas; a do Fondo no que terán preparado xamón asado; o do Campo no que servirán torta de roxóns e licores; e o do Cima con roscón e máis licores para endozar os padais dos camiñantes.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button