En portadaÚltima hora

A IXP Castaña de Galicia e Proagrosilga, no VIII Encontro Europeo da Castaña en Italia

Este foro sectorial e de investigadores desenvolverase ata o vindeiro 16 de setembro en Marradi (Toscana) e aborda, entre outras cuestións, as pragas que afectan a este cultivo
Algúns dos participantes no VIII Enontro Europeo da Castaña en Marradi (Italia). Entre eles están o valdeorrés Francisco Barredo, presidente de Proagrosilga, e o presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá./ Foto: IXP Castaña de Galicia.

A praga da avespiña do castiñeiro centraba, unha vez máis, o inicio do VIII Encontro Europeo da Castaña na xornada do 14 de setembro. Este foro internacional desenvolverase ata o vindeiro 16 de setembro en Marradi (Italia) e nel a comunidade galega está representada a través da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e da Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga).

Tamén acudían representantes da Rede Estatal do Castiñeiro co obxectivo de “confirmar a efectividade da metodoloxía seguida en Italia para superar a praga da avespiña, dende que no ano 2009 se tomara contacto cos equipos de investigación italianos ante a previsión da chegada da ameaza á península”, segundo se indica dende esta entidade.

Dende a Rede Estatal do Castiñeiro tamén lamentan que “non asistira ao encontro ningún dos investigadores responsables de avaliar a afección á biodiversidade do uso do Torymus sinensis (depredador natural da avespiña), nin dos grupos que se opoñen á autorización do uso do mesmo como método de control biolóxico, xa que desta maneira poderían coñecer de primeira man as liñas de investigación e dos resultados obtidos polos científicos europeos máis importantes”.

Ademais de ponencias e diversas mesas redondas, neste encontro tamén haberá varias presentacións de libros. Finalmente, os días 15 e 16 de setembro están previstas visitas técnica a zonas produtoras e a empresas elaboradoras.

Artigos relacionados

Back to top button