Jazz e poesía mesturados para dar forma a unha homenaxe moi especial a Xela Arias que se lle tributaba neste 17 de maio no espazo de natureza e intelectualidade que conforma a Insua dos Poetas (na Esgueva, Madarnás, O Carballiño).
Sobre o escenario, o escritor porteño e ourensán Luis González Tosar destacou a personalidade de Xela Arias como muller e poeta e a súa amizade, para dar paso, de seguido, aos poetas Quico e Rochi Nóvoa, e á banda 4Mal Quarter Jazz, que brindaron ao público o espectáculo de música e palabras titulado “Musicando versos”.
O acto contaba coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e demais persoeiros institucionais, sociais e culturais, nunha xornada na que a protagonista foi Xela Arias, poeta, profesora, editora e tradutora galega. A actividade, patrocinada pola Deputación de Ourense a través da Rede de Auditorios Provincial, contou tamén co apoio do Concello do Carballiño.