ConcellosÚltima hora

Jorge Álvarez volverá estar na final do Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas

O estilista, modelo e deseñador vianés presentou catro deseños inspirados na realeza
O vianés Jorge Álvarez na súa faceta como modista.

“Calquera persoa pode ser unha raíña”, di Jorge Álvarez “sen importar o xénero, a forma ou a procedencia”. E iso é o que intenta demostrar coa súa colección Royalty, inspirada nese “poder na sombra que sempre dirixiu con voz calada o curso da historia. Figuras maxestuosas que permitiron a evolución e revolución da gran masa. Templanza, sobervia, exceso, serenidade”, di o xove vianés.

Co obxectivo de “impersonalizar á figura de Raíña, buscando o genderless e elevándoo a un nivel máis efímero”, o modelo, estilista e deñador de Viana do Bolo, participou por segundo ano consecutivo no Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas, e por segundo ano vén de converterse nun dos finalistas do certame que se celebrará en Semana Santa.

Para participar no concurso, Jorge presentou un dossier e o boceto dos catro modelos nos que os encaixes, elemento fundamental, serven como nexo de unión entre o presente e o futuro. “As teas brocadas, o tul e mesmo a pedrería son elementos que enmarcan e destacan ao Encaixe de Camariñas como peza da Realeza”, explica o propio modisto que agora, ten por diante un longo proceso de elaboración e costura ata o momento do desfile final.

O ano pasado, con Primary Colors quedou ás portas do premio. Este ano volve intentalo cunha proposta innovadora e sofisticada coa que sen dúbida ten moitas posibilidades. O resultado darase a coñecer no marco da XXVIII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará entre os días 28 de marzo e 1 de abril de 2018.

Artigos relacionados

Back to top button