
Da idea de “dar voz a eses artistas rurais que nas súas obras, hai moita paixón e creatividade: unha ferramenta salvadora nestes momentos que nos toca vivir, non só para comunicarnos e xerar esperanzas, senón tamen para dar a coñecer o noso ó mundo”, nacía Latexos do rural no Camiño, un festival itinerante que percorrerá os municipios ourensáns da Mezquita, Riós, A Gudiña e Laza os sábados do mes de xuño de 2021.
Trátase dunha iniciativa de Rubén Riós organizada pola Asociación Cultural da Castaña e desenvolvida no marco do programa “O teu Xacobeo”, que busca promover a artistas locais do rural galego no Camiño Sanabrés da Vía da Prata, en localidades que apenas conta cun milleiro de habitantes.

Nesta primeira edición do festival, que será presentado o vindeiro 1 de xuño no Auditorio de Verín presentará 7 disciplinas artísticas da man de artistas locais do rural ourensán.
Paulinha D´Arzoá -historiadora do arte e acuarelista- dun pequeno municipio de Vilardevós exporá a súa obra, xunto co fotógrafo e apaixoado do Camiño de Santiago, Ramón Fernández, que presentará unha colección de fotografías das súas viaxes polo Camiño Sanabrés. A poesía estará comandada por Carmen Rivero Gallego, lazana autora dos poemarios Nun recuncho chamado Laza e Berce de peliqueiros. O actor e mestre de teatro Santi Cañaveral, presentará unha peza inédita sobre a súa viaxe espiritual e introspectiva no Camiño. O estilo e a moda estarán presentes da man de Jorge De Álvarez, vianés que vén de acadar a Medalla de Prata nos Premios Nacionais da Moda representando a Galicia. Para finalizar, a nota musical virá da man da minibanda e banda do Conservatorio Profesional de Música de Verín que actuará nas prazas dos Concellos e exteriores dos lugares de celebración dos eventos para dotar de ritmo aos corazóns rurais no Camiño de Santiago.
As datas do evento son as seguintes:
- A Mezquita – Sábado 5 de xuño, Edificio Multiusos.
- Riós – Sábado 12 de xuño, Edificio Multiusos e Praza do Concello.
- A Gudiña – Sábado 19 de xuño, Edificio Multiusos e Praza Maior da Gudiña.
- Laza – Sábado 26 de xuño, Praza da Picota, Forno da Picota e Salón de Actos do Concello de Laza.