EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Jorge De Álvarez presentará a súa nova coleccción na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas

O modisto vianés participará este ano como firma e tamén como xurado do Concurso de Xoves Deseñadores

O modisto vianés Jorge Álvarez./ Foto: Rocío Cibes.

 

Con máis de tres décadas de historia, a Mostra do Encaixe de Camariñas está considerado como o encontro encaixiero máis importante do mundo. Un evento, celebrado no municipio coruñés que, ademais de a palilleiras e artesáns, acolle unha das pasarelas de moda máis importantes de España onde se presentan coleccións dos máis importantes deseñadores nacionais e tamén de xoves promesas.

E era precisamente neste evento onde un xove e prometedor modisto se daba a coñecer. A Jorge De Álvarez, modelo, estilista, perruqueiro e modisto natural de Viana do Bolo, gústalle a moda e coser dende neno pero non era ata hai cinco anos cando se decidía a presentarse ao Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra. “Ese primeiro ano quedei quinto e no segundo como xa sabía o que lle gustaba á xente decidín arriscar. Foi como descubrirme a min mesmo e encima gañei o primeiro premio da Mostra do Encaixe en 2018″, conta o propio Jorge que, catro anos despois con varias coleccións ás costas e tras vestir ás mesmísimas Tanxugueiras (no aclamado Benidorm Fest e tamén no inicio da exitosa xira ‘Midas’), volverá estar en Camariñas pero xa non como xove deseñador senón como firma e tamén como membro do xurado do certame de moda.

 

Un dos deseños da nova colección de Jorge De Álvarez./ Foto: Estela Barone.

 

Sendo o evento co que realmente decidía apostar pola súa faceta como deseñador, Jorge está especialmente ilusionado coa XXXI edición da Mostra do Encaixe que se celebrará nesta Semana Santa e por iso, leva meses traballando na colección que presentará. “Está inspirada na psicoloxía que sofre cada persoa e a guerra interna, que non podemos ver a través dos ollos, senón sentila en forma de ansiedade, depresión, bipolaridade ou indentidade de xénero”, explica o modisto, asegurando que en novembro de 2021 xa tiña feito boa parte do proxecto.

Así, sobre a pasarela de Camariñas desfilarán deseños inspirados nos uniformes militares, que empregan as mesmas cores, os mesmos patróns e cortes similares nas prendas. “Un estereotipo que pretendemos romper con corte clásicos, volumes e siluetas dos anos vinte, saíndo do concepto igualitario para chegar a ser un mesmo”, di Jorge, resaltando que por suposto “o encaixe será o fío condutor do traballo”.

 

Outro dos deseños que Jorge De Álvarez presntará en Camariñas./ Foto: Estela Barone.

 

Con respecto ás cores Jorge destaca a influencia da súa simboloxía. “O vermello da forza, da acción e da paixón. O azul, da estabilidade, da profundidade, da protección e da saúde. O gris, o punto de inflexión entre o branco e o negro, como o encontro entre a luz nula e a máxima, unha cor asociada á monotonía, causa frecuente de inicio de trastornos”, explica incidindo en que con esta colección o que pretende é “dar visibilidade aos problemas persoais, a non ocultalos, poñéndonos na pel da persoa afectada, creando así un fluxo de sensacións co público”. En total serán seis os deseños que presente en Camariñas. A colección completa (entre dez e doce modelos), presentaráa máis tarde en Madrid.

A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas celebrarase do 13 ao 17 de abril e xunto a Jorge De Álvarez (que previsiblemente desfilará o sábado día 16) pola súa pasarela pasarán entre outros Esteban Freiria, deseñador vigués afincado en Marbella; a firma madrileña K-KOU; Dolores Cortés; Edith del Valle; ou o mesmísimo Modesto Lomba de Devota & Lomba.

Artigos relacionados

Back to top button