No mediodía deste luns 6 de marzo, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantiña na Casa Grande de Viloira (O Barco), un encontro con veciños da comarca de Valdeorras con castiñeiros afectados polos lumes do pasado verán, ante os que anunciou que a Xunta convocará unha liña de axudas para garantir a súa replantación “co fin de paliar os danos causados neste sector, que ten unha gran importancia nesta bisbarra en particular e en toda Galicia en xeral”.
No encontro, no que tamén participaban a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, o rexedor do Barco de Valdeorras, Alfredo García e o de Rubiá, Elías Rodríguez (os tres concellos afectados polo indencio de Valdeorras), o conselleiro apuntou que estas achegas “contarán co orzamento preciso para garantir a replantación de soutos necesaria tras os lumes de xullo de 2022”. Nesa liña, complementarán as que se publicaron naquel mes, co gallo de abordar a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos lumes dese mes. Unhas achegas que distribuíron entre preto de 180 beneficiarios un importe superior aos 830.000 euros.
“Así”, explicou o conselleiro, “habilitaranse dúas liñas de achegas sen requisito de superficie mínima de actuación”. Unha para a corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polos incendios, roza do souto e a plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados; e outra para a reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos. “Poderán beneficiarse das subvencións as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de soutos afectados polos lumes do pasado mes de xullo e a contía da axuda será do 100 % do gasto subvencionable, establecendo o apoio de entidades colaboradoras para facilitar a súa tramitación”.
José González foi máis aló e lembrou convocatorias actualmente abertas en beneficio do sector. Así, poden solicitarse os “case 3,6 millóns de euros consignados para impulsar plantacións de castiñeiro e para a restauración de soutos tradicionais, e tamén os 9 millóns en achegas da Axencia Galega da Industria Forestal destinadas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos, cunha liña específica precisamente para o aproveitamento da castaña e da resina”, explicou no Barco.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.