ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

José Ramón Mansilla: “Fagamos de cada día do ano un Nadal constante”

O director do Orfeón Valdeorrés daba lectura esta tarde ao pregón de Nadal do Barco na igrexa de Santa Rita

 

Os actos de Nadal comezaban esta tarde na parroquia do Barco. Na misa desta tarde dábase lectura ao pregón desta festa no Barco, desta volta a cargo do director do Orfeón Valdeorrés, José Ramón Mansilla, quen agradecía a honra de ser sido escollido como pregoeiro. Comezaba comentando que o seu lema como profesional da música é que “a música non é un fin, senón un medio para facernos mellores persoas, e hoxe temos que mellorar moito como persoas, por iso o meu pregón vai ser máis reivindicativo que musical”.

A partir de aí centrábase no significado do Nadal, destacando que se trata “dun nacemento, dalgo novo que nos fai mellores” e aseguraba que o “materialismo non serve de nada, só nos queda o Nadal”. Tamén explicaba como a súa vivencia desta celebración ten ido cambiando de cor co decurso dos anos e resaltaba que o “Nadal é un agasallos que se nos fai para non esquecernos das cousas máis importantes que temos”. Así mesmo animaba aos asistentes ao pregón á “facer de cada día do ano un Nadal constante” e a compartir o “máis valioso que temos, o tempo, coas persoas, falemos máis cos nosos maiores”.

 

 

Finalmente, tamén alentaba aos presentes a “ver cada día da nosa vida como un neno ve o Nadal: fácil, sinxela, bonita, non complicada, atractiva e, sobre todo, con grandes expectativas de que todo vai ir mellor pronto. Feliz Nadal”, concluía.

Mansilla era agasallado cunha figura dun Neno Xesús bendecido “que a parroquia che quixo regalar para que canto o teñas na túa casa volvas lembrar este momento”, dicía o párroco do Barco, Jesús Álvarez, que estaba acompañado nesta celebración polo párroco de Rubiá, Daniel Pérez, que foi quen lle facía entrega deste agasallo ao pregoeiro.

Durante esta misa, na que a igrexa estaba especialmente decorada para recibir o Nadal, tamén se procedía á bendición do belén instalado á entrada deste templo barquense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button