Ten vivido multitude de traxedias no case medio século que leva no sudeste asiático: inundacións, maremotos, terremotos…, pero nada comparable á pandemia do COVID-19. “Todo isto é novo, é algo que ninguén esperaba, é a traxedia do que vai de século XXI e non se parece nada ás demais que temos vivido”, resalta o xornalista e escritor José Rodríguez, natural das Terras de Trives, que compaxina esta profesión cos eidos da cultura, a diplomacia e a empresa en Asia. É editor-asociado e director do consello de administración da revista People Asia, membro do consello de administración do periódico Manila Standard e presidente dunha empresa de servizos con máis de 1.500 persoas.
A finais de xaneiro José Rodríguez viaxaba a España con toda tranquilidade coa idea de regresar en marzo a Filipinas, sen embargo, a emerxencia sanitaria do coronavirus truncaba os seus plans e obrigábao a confinarse en Madrid. “É unha situación complexa, non podes moverte, viaxar… Neste momento case ningunha liña aérea vén a España, xa cancelamos dúas veces o voo de volta e agora a compañía deunos ata decembro”, comenta con resignación este trivés nunha paréntese entre as múltiples chamadas que recibe dende Manila. Está convencido de que esta crise global vai supor un cambio total, “é unha gran chamada de atención porque o mundo no que imos vivir será doutra forma”.
– Este non é o primeiro virus que aparece en Asia…
Si, nesa liña xa vivimos o SARS e outra serie de pequenas epidemias que foron controladas, sen embargo, isto converteuse en pandemia e ningún goberno estaba preparado. O confinamento que hoxe vivimos o único que nos dá é tempo para que os expertos e os gobernos poidan buscar unha cura, as corentenas son medidas de control para protexernos.
– Estaba en Filipinas cando apareceu o virus, ¿como lembra o inicio da pandemia? ¿que pensa da súa evolución?
O virus estaba estendéndose por China, xa sabiamos o que pasara en Wuhan, pero nos países que eu coñezo non se estaban tomando medidas de contención serias, drásticas, quizais porque ninguén esperaba que se expandira dese xeito. Os países asiáticos son moi distintos uns doutros. Por exemplo, Corea do Sur tomou unhas medidas rápidas, estaban preparados e fixeron tests masivos, chegando a controlar o virus. Outro país que tivo un gran éxito nese senso é Singapur. No sudeste asiático tamén se está librando unha batalla a gran escala contra a pandemia, pero a día de hoxe as cifras non son tan impactantes como as de España, Italia, Estados Unidos ou Francia, ¿por que? Pois ata agora non hai unha resposta clara, fálase de que ao ter climas máis cálidos iso condiciona a propagación, de feito, nestes días toda a zona de Indonesia e Filipinas está no que se denomina o verán, con temperaturas de 35 a 40 graos. O calor pode ser un factor, pero non está probado medicamente.
Outro factor a favor desa parte do mundo podería ser a idade media da poboación, que é moi xove, as familias teñen de cinco e a dez fillos. É xente que pasou por catástrofes de todo tipo, rexións dinámicas, onde se está creando a riqueza do mundo e cunha facilidade enorme de adaptación, de flexibilidade na vida. Hai restricións, confinamentos, pero a vida segue funcionando, están facendo vida case normal, e os hospitais non están colapsados, non teñen os problemas que vivimos aquí.
A isto hai que sumarlle o feito de que nesa parte do mundo a xente ve a traxedia e a morte de forma diferente á sociedade occidental, como algo normal, natural. Penso que China terá que explicarnos algún día como se produciu esta catástrofe, débelle ao mundo permitir unha comisión independente de expertos que esclareza os pormenores do coronavirus, que chegue ao fondo do que aconteceu, de que é o que hai detrás. Hai que ver o que pasou, o que está pasando e o que vai vir, son tres cuestións diferentes. Gastouse moito diñeiro en rañaceos, en ir á lúa, fixéronse grandes cousas, pero esquecímonos de coñecer ao veciño que temos ao lado, temos que facer exame de conciencia, e esta é unha das grandes leccións que nos vai traer todo isto.
– Hai moita incertidume, pero esta crise vai supor un antes e un despois no mundo que coñeciamos ata agora…
O mundo vai camiño de pasar o chamado pico do coronavirus, pero a recuperación levará anos e aí estamos ante outro interrogante. Polos desastres que me tocou vivir, penso que esta situación aseméllase a un gran terremoto no que logo produciranse moitas réplicas e serán elas as que cambien o mundo e a maneira na que funcionarán as cousas, que será diferente. O que fixo este virus foi exacerbar unhas condicións de inequidade que xa había no mundo, entre os diferentes países, entre ricos e pobres…
Sería inxenuo pensar que todo será igual despois porque todo vai cambiar, esta é a gran pandemia do que vai de século e ogallá sexa a única, pero constitúe unha gran chamada de atención porque o mundo no que imos vivir será doutra forma. Despois disto os traballos van ser difíciles e vai haber xente que o pasará mal, ese é o gran problema. Un dos efectos de todo isto vai ser un gran malestar social no mundo e en moitos países terá consecuencias de distintas ordes.
Texto: A.R.