PolíticaÚltima horaVídeos

José Vicente Solarat volve presentarse á fronte do R.U.A. para concorrer ás eleccións no Concello da Rúa

 

O R.U.A. (Rueses Unidos Adiante) volverá concorrer, e xa van sete lexislaturas, ás eleccións municipais ao Concello da Rúa. E faráo novamente con José Vicente Solarat á cabeza quen na tarde deste xoves 23 de marzo presentábase xunto a outros tres membros da agrupación independente, na sede que veñen de estrear no Nº 2 da rúa Campogrande, preto da rotonda.

Xunto a outros tres promotores do R.U.A. (o veterano Fernando Rodríguez, Anabel Ares que xa estivo na anterior lexistatura e David Corzo que se estrea en política como promotor), José Vicente Solarat asegurou que xa teñen a solicitude feita para formalizarse como partido político e ter dereito, entre outras cousas ao mailing, pero de momento preséntanse oficialmente como agrupación electoral co “afán de tratar de mellorar o pobo”.

 

José Vicente Solarat López.

 

Solarat lembrou que levan concorrendo ás eleccións municipais do Concello da Rúa dende o ano 1995, “só non o fixemos no 2015, volvemos no 2019 e agora facémolo de novo saudando con cordialidade ao resto de candidatos da Rúa e dos concellos limítrofes”.

Nesta presentación, o R.U.A. convida a toda a xente que esté interesada en participar con eles, “porque isto esta aberto, polo que os veciños e veciñas que queiran formar parte da lista teñen aberta a posibilidade dende hoxe, ou ben achegándose ata a sede que pretendemos ter aberta de luns a venres de 11-12 a 13:30 e de 19 a 20:30 horas ou a través do correo electrónico: info@todospolarua.org“.

 

Presentación do R.U.A.

 

Co obxectivo de que “A Rúa volva ser un referente a nivel comarcal e provincial” e como “un partido aberto”, o R.U.A. preséntase co desexo de ser “o partido de todos os veciños”, tendo entre os principais obxectivos a “transparencia na xestión municipal; o apoio aos sectores máis importantes da economía local como son a hostalaría, o comercio, o viño, o turismo e calquea outra iniciativa empresarial; a axuda ás persoas máis necesitadas e que precisan axuda social co especial atención á xuventude e á terceira idade”, sen deixar de lado o problema da despoboación e as comunicacións.

 

Exterior da sede do R.U.A.

 

A presentación do R.U.A. remataba cunha reflexión de José Vicente Solarat. “Hai 14 anos que non son alcalde e doume conta que imos concorrer a estas eleccións 4 ex alcaldes. A nosa proposta é consciente de que hai dez temas fundamentais nos que hai que poñerse dacordo e o noso convite sempre será permanente a facer unha xunta ou comisión na que todo o mundo participe, que creo que foi o que fallou nesta lexislatura”.

Asegura que nacen cada catro anos porque os obriga a lei pero sempre coa mesma filosofía “a vocación de coaxudar de forma nobre se non somos os chamados a gobernar e se nos toca gobernar, chamalos para que nos axuden a nós”.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button