CulturaCulturaÚltima hora

Julia Mayo expón no Barco os beneficios dun proxecto arqueolóxico para a zona na que se desenvolve

Convidada polo IEV, a arqueóloga e investigadora valdeorresa impartía no Casino unha conferencia sobre o seu proxecto en El Caño (Panamá) "un modelo de investigación e xestión do patromonio"

 

No marco do ciclo “Conmemoración 40 aniversario”, pola recuperación do Patromonio Arqueolóxico de Valdeorras, na tarde deste venres 22 de outubro o Instituto de Estudos Valdeorreses presentaba a unha conferenciante moi especial: a valdeorresa Julia Mayo Torné, arqueóloga e investigadora, á fronte do Proxecto Arqueolóxico e da Fundación El Caño (Panamá), no que descubrían unha importante necrópole precolombina duns mil anos de antigüidade, con sepulcros de personaxes de alto rango cubertos de ouro e pedras preciosas. Un achádego que recibiu o nome de El Dorado de Panamá.

E precisamente dese proxecto, como modelo de investigación e xestión do patrimonio, falaba nunha sala do Casino do Barco chea de familiares e veciños (incluso estaba a súa profesora de 5º de EXB) á que tamén acudían o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández a deputada provincial de Cultura, natural do Barco, Luz Doporto.

A propia Julia (que naceu en Panamá aínda que pasou a súa infancia e xuventude no Barco), confesa que nun principio, tralo convite do presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, a idea era falar unicamente do proxecto, da súa orixe, dos obxectivos e resultados da investigación, “pero dado que en Valdeorras hai certas deficiencas con respecto á xestión do patrimonio, iguales á que pode haber en Panamá e noutros moitos lugares, pensamos que podiamos falar tamén da Fundación e dos retos que tivemos para afrontar o proxecto alí, que non foi fácil, pensando que dalgún xeito iso podería dar ideas aos interesados na comarca de como adiantar un proxecto de recuperación e investigación”.

 

A arqueóloga e investigadora valdeorresa, Julia Mayo.

 

E así o fixo. Diante dun entregado público e trala presentación feita polo director da sección de arqueoloxía do IEV, José Fernández Pérez, a convidada falou do proxecto de investigación cuxo obxectivo era “coñecer o uso e función dun xacemento moi importante en Panamá, que fora interpretado como un centro cerimonial que daba servizo a un cemiterio de caciques moi coñecido que se chama Sitio Conte (con tumbas moi similares ás que atopamos máis tarde no Caño) e pareceunos que a interpretación non era a correcta así que puxemos en marcha os traballos, iniciando unha investigación para descrubrir finalmente que o que alí había era unha necrópole, un lugar cerimonial pero tamén con tumbas tan importantes como as de Sitio Conte”.

Julia doutorábase no ano 2004 pola Universidade Complutense de Madrid, a única que ofrecía a especialidade de Arqueoloxía Americana (algo polo que sentía especial curiosidade) e para comezar o proxecto (primeiro fixeron prospeccións xeofísicas, as sondaxes e demais, comezando a escavación no 2008), necesitaba financiación así que pediu unha beca ao Instituto Smithsonian Investigacións Tropicais en Panamá coa que empezu a aventura. “Unha vez metida en materia conseguín tamén apoio da National Geographic, que tiña a exclusividade do traballo e a encargada co tempo de facer a presentación do descubrimento”, puntualiza, adiantando que no 2011, decidían crear a Fundación El Caño, unha plataforma para súa xestión a longo prazo e da que forman parte entre outros, o seu propio irmán, Carlos Mayo Torné.

 

Asistentes á conferencia no Casino do Barco.

 

“Agora, a Secretaría Xeral de Ciencia e Tecnoloxía acaba de concedernos unha beca para darlle continuidade ao proxecto e estudar os materiais, porque trala investigación e tantas escavacións temos na fundación miles de artefactos (cerámica, dentes, ouro, cobre,… ) e o que queremos e investigar sobre a técnica de manufactura, orixe ou procedencia, o intercambio ao que se presta moito Panamá e as tumbas que estudamos que son de persoas de elite que consumían ben doutros lugares. Tamén estamos capacitando, adestrando e dirixindo teses de mestría e licenciatura de estudantes da Universidade de Panamá que están aprendendo de nós a investigación pura e dura”, di emocionada, recoñecendo que os proxectos arqueolóxicos atraen xente, “de feito levamos as estatísticas das visitas, porque un dos puntos importantes para conseguir fondos e tratar de demostrar que o que estamos facendo beneficia ou revirte na poboación de diferentes maneiras. Hai un impacto económico e incluso emocional. Ten moitos beneficios non só para as persoas que investigan e polo coñecemento da historia senón tamén o turístico porque chama a atención sobre o entorno no que se desenvolve e iso é interesante para a hostalaría, para os turistas e para o pobo en xeral”.

Julia cre que “a financiación para este tipo de proxectos debe vir das Administracións (Estado, Deputación, Universidade,…) e parte do noso labor como arqueólogos consiste en convencer á poboación para que pida e incluso esixa que se fagan proxectos así porque sabemos que os políticos traballan por presión polo que unha parte importante a desenvolver é a difusión, tanto científica como divulgativa”, conclúe, recoñecendo que hai moito por facer nese sentido.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button