CulturaCulturaEn portadaÚltima horaVídeos

Julio Ancochea: “Son trivés militante e quero reivindicar o meu pobo, os meus soños, o meu berce, a miña palabra”

Este recoñecido neumólogo, que preside a Asociación de Médicos Galegos, lía esta tarde o pregón das Festas do San Bartolomé de Trives

 

“Son neumólogo. Vendo o que vexo ao meu ao redor, despois do que sinto, vivo e vivín… o meu corazón está ferido. Necesitamos respirar fondo, moi fondo o aire puro de Trives, pero tamén respirar soños, paixón, esperanza, futuro, solidariedade… Respirar vida. Viva a alegría! Vivan as festas de San Bartolomé! Viva Trives!”. Deste xeito remataba o doutor Julio Ancochea un sentido e emotivo pregón co que abría esta celebración ás 19h. na praza do Pilón trivesa.

Un pregón no que amosaba o seu amor pola súa terra, defendía a súa relevancia e potencial de futuro, ao mesmo tempo que se refería ao difícil momento vivido como consecuencia da pandemia do Covid-19 e destacaba a importancia da profesión médica, poñendo ademais en valor, dentro dela, a figura do médico rural. Era ademais un discurso ben aderezado de referencias poéticas e literarias, algunhas de autores galegos e incluso trivesas, como as de Pablo Pérez de Vilanova.

https://youtube.com/shorts/boVNmdL-jc0?feature=share

O doutor Ancochea foi presentado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, que o cualificou como “unha eminencia da medicina”. Ancochea, que na súa intervención estivo acompañado ao piano por María Domínguez Pérez, comezaba considerando unha “horna inmerecida” a súa elección como pregoeiro e asegurando que o seu único mérito “é o de ser de Trives e o de querer ao meu pobo con toda a miña alma, pero ese mérito tamén vos adorna a todos vós. Quizais a escusa é que, desde fai seis anos, este humilde trivés preside a Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA) e os médicos galegos e outros profesionais sanitarios e sociosanitarios vivimos en primeira persoa esta cruel PANDEMIA que marcou as nosas vidas”.

Se ben matiza, que esta “pandemia tamén nos ensinou a conxugar a primeira persoa do plural: NÓS. Si,…”nós somos mellores que ti e que eu”. A suma de todos, o traballo en equipo fará que, con todo o drama que vivimos, coa tremenda dor de moitas familias pola perda de seres queridos, con todo o que nos imos a deixar no camiño, finalmente salgamos adiante. O talento e o esforzo son necesarios, pero a solidariedade, o traballo en equipo, a xenerosidade e a intelixencia emocional son a mellor receita fronte á COVID-19 e fronte a outros retos aos que nos enfrontamos no noso labor diario, mesmo desde a adversidade e, a miúdo, sen o suficiente apoio institucional”.

Tamén falaba da asociación que preside, Asomega. “Os médicos galegos compartimos a paixón pola Medicina. Entendemos a Medicina como Ciencia, Arte, Valores e Sentimento. Pero, ademais, os médicos galegos, madrigalegos e médicos galegos de todos os recunchos  de España e o mundo, compartimos UN SENTIMENTO: o amor a Galicia, a paixón por Galicia. E este sentimento acrecéntase, se cabe, cando un está fóra de Galicia”.

Ademais detíñase de xeito especial no labor dos médicos rurais. “Permitídeme tamén un sentido recordo e un humilde pero sincero homenaxe a aqueles médicos, farmacéuticos e outros profesionais sanitarios de TRIVES e a súa comarca, que deixaron pegada nas nosas vidas e que están na mente de todos. Esas persoas que coñecían polo seu nome ao enfermo e a súa familia, que coñecían os seus problemas cotiáns, as súas angustias pecuniarias, as súas teimas e amizades, as súas paixóns e esperanzas, as súas palabras e silencios”.

 

 

E, por suposto, Julio Ancochea incidía nas súas orixes trivesas. “Son trivés militante (…crente e practicante). E diante de todos quero reivindicar o meu pobo, os meus soños, o meu berce, a miña palabra… REIVINDICO conxugar a alegría cada día que volvo, as campás da igrexa, o recordo dos nenos xogando en Cantalarrana e no patio do colexio Santa Leonor, San Roque no outono… O meu pobo, a miña familia (a bondade do meu pai, a xenerosidade da miña nai), o fogar, vos amoriños primeiros, os amigos de sempre, as miñas raíces, son… tan profundas!”, dicía.

Tamén explicaba que a emoción “é o que alimenta a miña memoria de Trives, da miña infancia nas súas rúas, do recordo da miña familia, do nacemento dunha vocación médica que guiou a miña vida desde entón… Non entendo a existencia se non está impulsada polo motor das emocións, dos afectos, da relación co outro… principios de vida cuxo orixe, se rebusco na miña memoria, entre eses recordos ás veces magnificados pero sempre entrañables, está sempre en Trives. Aquí recollín, con ollos de neno, as miñas primeiras imaxes do exercicio da Medicina que me brindou o meu propio avó, médico rural. Del aprendín, aínda sen darme conta, que o paciente é unha persoa, non unha enfermidade; e que mirarlle aos ollos, tomarlle a man e sobre todo escoitar ten un efecto terapéutico que complementa ao tratamento polo menos co mesmo nivel de eficacia… Pois ben, a pesar da distancia, como vedes, Poboa de Trives sempre está presente”.

https://youtube.com/shorts/M8wdYKKAksE?feature=share

Ademais destacaba o espírito de superación desta terra, indicando que “mesmo nos momentos difíciles, “desde a adversidade”, cando existen problemas de incomprensión, de infrafinanciación, de despoboamento, de abandono do AGRO,…Trives e a súa comarca non se renden”.

E como pregón festivo tampouco faltaban as referencias á celebración do San Bartolomé na vila trivesa. “Non esquezamos que estamos de festa. Que a celebración a San Bartolomé deste ano faga que liberemos neurotensina por milleiros e os recordos que xeremos estes días sómense a esa selección “premium” da nosa memoria”. E tampouco faltaban os agradecementos xa na parte final da súa intervención, seguida por numerosas persoas, “grazas por acompañarnos esta tarde, aquí, en Trives, no noso pequeno paraíso. E grazas por compartir un soño e axudarnos a escribir o futuro”.

Fotos e vídeos cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button