A localidade de Mugares, no concello de Toén, conta desde hoxe cun Centro de Interpretación do Entroido que grazas á colaboración da Deputación de Ourense “contribuirá a situar no mapa de Galicia á tradición das Señoritas e Lavardeiros”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, no acto de apertura dunhas instalacións na antiga escola de Moreiro que, ao mesmo tempo, servirán como local social para a veciñanza de Mugares.
Ademais do presidente da Deputación e o alcalde de Toén, Ricardo González, no acto déronse cita a concelleira de Cultura, Rosa Feijóo, acompañada por membros do grupo municipal de goberno, a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Amencer, Ángela Iglesias, e o ex alcalde Amancio Cid, ademais de veciños da localidade.
Tralo descubrimento dunha placa conmemorativa, Manuel Baltar subliñou que se estaba a falar “dunha das cuestións máis senlleiras da nosa identidade, o Entroido”, afirmando que “non hai ningunha provincia, ningún territorio, nin sequera en Europa, que teña tanta forza histórica, costume, calidade, xentes e pequenos concellos nos que se celebre esta tradición”. Este centro, engadiu, “é unha homenaxe a todos aqueles que estiveron desde hai séculos traballando nestas terras e creando un mellor futuro para todos, agora situando a Toén no mapa dos Entroidos de Galicia”.
Entroido “centenario, pequeno, amable, de proximidade e rural”
Ricardo González e Rosa Feijóo, quen en nome do Concello entregaron senllas placas de agradecemento pola súa colaboración a Manuel Baltar e á presidenta da asociación de mulleres rurais, quixo destacar tres cuestións. A primeira relacionada co feito de devolver á veciñanza un local social “ata non hai moito totalmente abandonado, para convertelo neste centro de interpretación e poñer en valor o noso patrimonio cultural e etnográfico”. En segundo lugar, o alcalde fixo un agradecemento expreso ás mulleres rurais pola súa implicación “e porque isto é por e para todos, porque temos un Entroido con máis cen anos de antigüidade, pequeno, amable, de proximidade, rural, con dúas figuras tradicionais que merece a pena que impulsemos e do que nos sintamos orgullosos”.
No acto tamén interviñeron a concelleira de Cultura, que expresou o seu orgullo “porque a día de hoxe podemos dicir que no concello de Toén todo o mundo sabe o que é un Labardeiro e unha Señorita”. Ángela Iglesias, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Amencer, afirmou pola súa banda que grazas á Deputación e ao concello “temos un centro onde seguir facendo medrar o noso Entroido”, cun recordo expreso “a todas as persoas que traballaron para chegar ata aquí”.