
O Castelo do Bolo acollerá mañá, venres 8 de maio ás 19 horas, o evento ‘Laboratorio Mutante: Paisaxes Candentes’. Un proxecto que propón un encontro artístico e comunitario arredor do territorio e a memoria, combinando audiovisual e danza contemporánea.
A xornada inclúe a proxección do documental ‘Cartografía do río que xa non é’, impulsado por Outonía S.Coop.Gal. A peza recolle a memoria do encoro do Bao a través do traballo colaborativo con persoas e comunidades afectadas, empregando a mediación artística e cultural como ferramentas de reparación territorial.

Ademais, presentarase a mostra de danza contemporánea ‘Corpos de Auga’ da compañía Disiden.CIA (Martina Los Arcos e Marcia Vázquez). A peza nace dun proceso de mediación e recollida xerado coa Residencia de Maiores do Bolo e a Casa do Maior, no marco do proxecto Paisaxes Candentes.
O evento forma parte dunha proposta impulsada por Outonía co seu Laboratorio Mutante, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), o Ministerio de Cultura e a colaboración do Concello do Bolo, e busca activar o diálogo entre arte, territorio e comunidade, promovendo novas formas de relación co patrimonio e a memoria colectiva.
Máis información: @mutantes_inrural ou outoniacoop.gal