ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Lalín presenta a súa “50 Feira do Cocido” no Barco

No acto, os rexedores de Lalín e do Barco plantexaban a posibilidade de crear sinerxias entre esta cita e a Festa do Botelo

O Barco e Lalín “somos dúas vilas irmanadas polos produtos gastronómicos e o que queremos é ter sinerxias e colaborar o máximo posible”, aseguraba o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, durante a presentación en Valdeorras da 50ª edición da Feira do Cocido desta localidade, cuxo día grande será o vindeiro 4 de febreiro e que terá como pregoeiro ao presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

Ata Valdeorras desprazábase na mañá do 29 de xaneiro o autobús promocional deste importante evento gastronómico. Instalábase na rúa Academia Dequidt do Barco e nel podían degustarse tapas baseadas no cocido desta localidade, así como diferentes produtos gastronómicos. Ao seu carón, Rafael Cuíña, acompañado polo rexedor do Barco, daba a coñecer os detalles desta celebración, que acostuma reunir en torno a 50.000 persoas.

“O Barco de Valdeorras non é unha praza calquera, é unha praza importante e quixemos vir con este bus promocional da Festa do Cocido de Lalín, que xa leva tres anos percorrendo diferentes puntos de Galicia, do Bierzo e tamén do norte de Portugal”, indicaba Cuíña. Convidaba aos valdeorreses a participar nesta cita e destacaba a importancia da gastronomía como elemento de dinamización económica. “O cocido fideliza moitísimo aos seus clientes, quen vén a comer a Lalín un cocido marcha cun nivel de satisfacción tal que sempre repite con pandillas, con amigos, e ao seguinte ano ou tan pronto poda”.

Ademais referíase á Festa do Botelo do Barco. “Despois de 18 edicións, xa vai collendo un pouso importante tamén e, ao mellor, pode ser obxecto dalgún tipo de irmanamento ou acto no futuro, se o ten a ben o Concello do Barco”. Xunto a el, Alfredo García amosaba o interese por traballar conxuntamente neste eido, apuntando que “as sinerxias sempre son positivas para todos e na promoción nós temos que aprender dos 50 anos que leva Lalín facendo esta festa. A colaboración é boa”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button