En portadaÚltima horaVídeos

Larouco traballa na posta en marcha dun polígono agroforestal adicado a viñedo en Freixido

Así mesmo o Concello, co apoio da Xunta, avanza na creación dunha aldea modelo no núcleo de Seadur

 

Larouco traballa en dous proxectos de posta en valor agraria e forestal do seu territorio: a implantación dunha aldea modelo e dun polígono agroforestal no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así o destacaban esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, e alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. O conselleiro, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, desprazábase ata este concello valdeorrés para manter un encontro cos veciños implicados no que será o futuro polígono de Freixido e, posteriormente, achegábase ata a zona onde se executará a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur.

No caso do polígono, prevese poñer en valor un total de 136 hectáreas, divididas en 1.227 parcelas de 517 propietarios. Estará orientado preferentemente a árbores de froito e viñedo. En toda Galicia, son 10 os procedementos xa iniciados (contabilizando os sete comezados en Ourense), cunha superficie superior ás 4.000 hectáreas. Cinco máis, incluído este de Freixido de Arriba, atópanse na fase de actuacións previas.

O titular de Medio Rural sinalou que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. O obxectivo é dinamizar o territorio e xerar actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.

“A semana pasada estivemos en Castrelo de Miño e continuamos promovendo as figuras da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, ademais en zonas nas que hai abandono, hai necesidade de recuperar esa actividade agrogandeira, e ao mesmo iso axuda a previr os incendios forestais. Pensamos que é unha fórmula moi interesante e que ademais o polígono dá rendemento aos seus propietarios que poden vender ou arrendar as súas parcelas ou mesmo traballalas, e, á vez, tamén promovemos esa actividade en zonas tan importantes como esta para o viñedo. Polo tanto, este proxecto implica xerar actividade agrogandeira con rendibilidade para os propietarios e ao mesmo tempo recuperación dun territorio extraordinario como é o de Larouco con diferentes finalidades, pero sempre apostando tamén pola colocación deses polígonos en zonas que nos permitan ter discontinuidades para evitar os incendios forestais”, resaltaba o conselleiro do Medio Rural.

 

 

Aldea modelo en Seadur

Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, como é o caso das aldeas modelo. Nesa liña, o conselleiro visitará -tras a xuntanza- a zona onde se implantará a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur, unha iniciativa que se atopa na fase de recollida de sinaturas.

Neste caso, trátase dunha zona de pastos e labradío que inclúe tamén masas de coníferas e frondosas. Consta dunha superficie de 34,17 hectáreas arredor do núcleo de poboación que se busca poñer en valor, distribuídas en 565 parcelas de 269 propietarios.

Con respecto a este proxecto, José González apuntaba que “máis alá da propia aldea, o importante desta iniciativa é a franxa que propoñemos arredor do núcleo que, neste caso, chega case as 40 hectáreas nas que vai haber esa actividade agrogandeira, nas que dende logo sen ningunha dúbida vai protexer a Seadur dos incendios forestais no caso de que houbera algún”.

Nestes momentos en Galicia hai preto dunha vintena de aldeas modelo declaradas, das cales 13 están na provincia de Ourense, ás que hai que sumar varias en diversos graos de tramitación coma esta.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Patricia Lamela: “Hai que facer máis sinxelo que a xente volva ao rural”

Dende o Concello de Larouco, a súa alcaldesa, Patricia Lamela, destaca a importancia destas iniciativas para dinamizar o rural e, ao mesmo tempo, protexelo dos incendios forestais. “Larouco é un dos municipios máis pequenos de Galicia, cunha extensión tan só de 23 km2 , cunha particularidade de minifundismo, como noutros sitios, que fai un pouco imposibles estas grandes plantacións que se están facendo hoxendía de viñedo. Polo tanto hai moita terra que non está traballada por esa dificultade que hai para atopar aos titulares e aos donos das fincas. Desta maneira, a Xunta de Galicia facilita con este polígono esta terra para todo aquel que queira plantar viñedo no noso concello, e supón unha forma de acabar con esas grandes extensións, como neste caso este polígono agroforestal de 136 hectáreas que non teñen nada máis que monte. Estaba todo sen traballar, agás algunha pequena viña e dúas parcelas de castiñeiro, non hai nada máis. Do que se trata con isto é de poñer a funcionar esas terras que hoxe non dan nada e así facer un pouco máis atractivo o noso concello”.

Sobre a aldea modelo de Seadur a rexedora lembra que se trata dun proxecto “detrás do cal levamos ano e medio. No 2017 houbo un gran lume en Seadur que chegou ata as casas, e este ano volveu haber a principios do verán outro incendio. Con isto o que pretendemos é protexer o pobo e ademais poñelo en valor, xa que Seadur é unha zona moi bonita, cunha rua enteira cun total de 72 adegas. A aldea modelo é unha forma ademais de embelecer o pobo e de facer que non arda, que estea un pouco máis protexido”.

Finalmente, Patricia Lamela comenta que nos últimos anos se están rexistrando nacementos de nenos neste pequeno concello, o que alenta as esperanza de cara ao seu futuro. “Pasamos nos últimos anos de ter 1 neno e contar, nos últimos tres anos, con 8 nenos de 0 a 3 anos. Isto é unha alegría moi grande, e ademais estamos esperando dous máis. Por iso este tipo de iniciativas pensamos que son unha maneira de intentar facer atractiva a nosa terra. O rural non está en decadencia, senón todo o contrario, pero si que hai que facer máis sinxelo que a xente volva ao rural”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button