ConcellosÚltima horaVídeosVilamartín

Licítanse as obras de restauración da igrexa de San Pedro de Correxais (Vilamartín de Valdeorras)

Nelas investiranse 127.160,28€ e terán un prazo máximo de execución de 5 meses, segundo adiantaba o delegado da Xunta na visita que facía hoxe a esta localidade

 

Esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; visitaba a igrexa de San Pedro de Correxais para informalo do anuncio de licitación das obras de restauración das bóvedas de cruzaría elaboradas en madeira das capelas laterais do cruceiro, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir 127.160,28€, e que terá un prazo máximo de execución de 5 meses. Na visita tamén participaban algúns veciños desta localidade.

Gabriel Alén destacou a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, xa que “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”. Por iso, sinalaba, “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”. A igrexa parroquial de San Pedro de Correxais, está protexida polo seu valor cultural ao estar incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

As actuacións previstas

As obras consistirán primeiro na fixación, consolidación e protección da policromía; desmontaxe e siglado de pezas; limpeza inicial e retirada da instalación eléctrica. A continuación procederase ao apuntalamento dos nervios; reparación dos nervios con roturas; enxertos e substitucións das claves principais; reconstrucións parciais; pegados e cosidos; reproducións en madeira de elementos estruturais perdidos; replanteo da estrutura da bóveda sobre o retablo e picado e eliminación de recheos de xeso. Despois desenvolveranse tarefas de limpeza; desinsectación; enxertos; tratamentos de consolidación; tratamento do oco da parede e recolocación de ménsulas e reforzo interior da estrutura para proceder á consolidación e encalado dos paramentos.

Por último actuarase sobre o soporte coa súa desinsectación consolidación, tratamento de elementos metálicos, reintegracións volumétrica, limpeza mecánica e química, reintegración da preparación, e integración da policromía, recolocación da plementaría e a montaxe de pezas.

 

 

A igrexa de San Pedro de Correxais

De orixe románica, a igrexa ten planta de cruz latina realizada en pedra da zona con varios corpos apegados, con cruceiro elevado e cuberta a dúas augas en lousa sobre estrutura de madeira. A torre, cuadrangular, ten oito arcos e un remate en forma piramidal, salientando na súa base unha bóveda de cruzaría, executada en cachotaría. No interior salienta o retablo maior, cun conxunto de pinturas que representan o Nadal, catro santos e as catro virtudes. Adro cemiterio ao redor.

Na xa mencionada torre pode verse unha inscrición baixo o campanario que nos fala de que se fixo esta obra un tal “da Bega” no ano 1691 reinando Carlos II e sendo abade Antonio de Hoyos. As bóvedas das capelas laterais de San Pedro de Correxais, forman “nervaduras”; é dicir, parten dunha estrutura na cal as costelas dispóñense sobre un eixe vertical seguindo o trazado dos cruceiros, formeiros e terceiróns, uníndose ás craves. Tratan de aproximarse ás bóvedas de cruzaría pétreas, características da carpintería de armar portuguesa e vasca chegando ó seu máximo esplendor no século XVII. A súa construción fórmase a partir dunha estrela de oito puntas a cal pode estar inscrita nun círculo ou nun cadrado.

As bóvedas de San Pedro de Correxais están efectuadas con madeira de castiñeiro e a pesar da súa resistencia, presentan múltiples alteracións que afectan ó seu estado de conservación.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button