OurenseÚltima hora

Licítase a nova cuberta da pista polideportiva do CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar

A previsión é ter listas as obras, que suporán un investimento de 303.902€, antes do inicio do próximo curso

Imaxe da reunión telemática entre o alcalde de Pereiro de Aguiar e o conselleiro de Cultura e Educación.

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, na que lle anunciou que a Xunta vai licitar ao longo desta semana as obras de construción dunha cuberta para a pista deportiva do colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey. A previsión é adxudicar as obras no mes de xullo e telas listas para o inicio do próximo curso escolar.

Cun orzamento de licitación de 303.902€, a intervención prevé cubrir a pista deportiva existente no patio do colexio para resgardala das inclemencias meteorolóxicas. Esta actuación permitirá, ademais, ampliar o espazo ata completar unhas dimensións de 44×24,45, con corredores laterais máis anchos.

Proxéctase unha cuberta a dúas augas con paneis sándwich sobre estrutura metálica con pórticos cada 7,30 m. No lateral sur colocarase un cerramento baixo con panel prefabricado de formigón e en tres dos lados un faldón alto de chapa perforada para evitar a choiva. Na nova pista cuberta poderanse desenvolver os seguintes deportes: balonmán, baloncesto, voleibol e fútbol sala, entre outros.

Patios polivalentes

Esta actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que preve o impulso de medio millar de actuación nos centros escolares de titularidade pública que conforman o sistema educativo galego, cun orzamento de 191M€.

Entre as principais liñas de actuación deste plan está a creación de espazos de socialización como os patios cubertos e as pistas multideporte, cunha aposta por instalacións modulables e adaptables para distintas circunstancias.

O obxectivo é configurar espazos polivalentes que poidan acoller tanto a práctica deportiva como actividades de lecer, de tal forma que se reforce o seu uso como patios polivalentes e complementarios de docencia. Así mesmo, foméntase o seu emprego fóra do horario escolar para outras actividades na liña do fomento dunha escola aberta.

Artigos relacionados

Back to top button