A Xunta vén de licitar por importe de 143.774 euros o contrato de servizo para redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde do concello da Rúa. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos, aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 25 de abril.
Segundo informa a Consellería de Sanidade, os licitadores deberán incluír na presentación das súas ofertas ao contrato licitado hoxe a definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta determinarase de xeito que integre a tecnoloxía da madeira no seu deseño e prevea unha resposta tecnolóxica co consumo enerxético o mais baixo posible.
Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.
O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde da Rúa estímase en 2,4 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto do contrato licitado hoxe.
O novo centro de saúde
Os terreos para a construción do novo centro de saúde da Rúa teñen unha superficie de 1.841,16 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo Concello nun ámbito no que se urbanizou recentemente, coa execución dun espazo libre e un novo treito de viario.
De acordo co programa funcional e de espazos, o novo centro de saúde verá duplicada a superficie actual pasando dos 490 m2 cadrados a máis de 1.000. Máis en concreto, a superficie construída será de 1.258 m2, cunha superficie útil de 1.094 m2.
A área de adultos contará con 3 consultas de medicina xeral, 3 de enfermaría, 1 sala de docencia, 1 sala polivalente e 1 sala técnica. Tamén haberá un área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos.
Disporá, ademais, dunha área da muller, cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.
O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións.
A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa en abril do pasado ano.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.