
O Diario Oficial de Galicia publica a hoxe a resolución pola que a Xunta convoca por primeira vez axudas de ata 18.000 € para contratar persoas coidadoras de gando extensivo para previr danos causados polo lobo. Esta liña de subvencións, que conta cun orzamento inicial de preto de 180.000 € -ampliable segundo a demanda- para os anos 2023 e 2024, ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.
Logo de salientar que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir de mañá, sábado, 13 de maio, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou hoxe que os beneficiarios terán ata o 4 de decembro de 2023 para xustificar a anualidade deste ano e ata o 30 de xullo do vindeiro ano 2024 no caso da seguinte anualidade.
Poderán beneficiarse desta iniciativa os titulares de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún e equino, que figuren inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (REGA).
A contía da axudas poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables cun importe máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Cómpre salientar que esta orde prevé a opción de que se faga o abono dun único pagamento por anticipado correspondente á anualidade de 2023.
No caso dunha duración inferior a un mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, un límite de 9 euros por hora traballada.
A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo con criterios de valoración como o tipo de gando, a existencia na explotación de cans protectores e defensores, a constancia de danos ocasionados polo lobo, o número de cabezas afectadas ou a superficie declarada na PAC no ano 2022.
A resolución desta liña publicada no DOG pode consultarse aquí:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230512/AnuncioG0532-270423-0001_gl.html