OurenseÚltima hora

Literatura, mocidade e música na homenaxe a Pura Vázquez na “Insua dos Poetas”

Uns 300 escolares parciciparon no acto do centenario celebrado no Carballiño

Ao redor de 300 escolares e profesores de sete centros educativos da provincia de Ourense protagonizaron na mañá do 21 de maio na Insua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño) un acto de homenaxe á escritora ourensá Pura Vázquez, conmemorando o centenario do seu nacemento. A actividade, presidida polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, contou tamén coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente da Fundación “Insua dos Poetas”, Luis González Tosar, e a xefa territorial de Cultura, María Luz Fernández, acompañados por familiares das escritoras Pura e Dora Vázquez e representantes dos ámbitos cultural e social.

Alumnos dos CEIP Virxe da Guadalupe (Avión), Emilia Pardo Bazán (Leiro), Saco e Arce (Toén), e os da capital ourensá Virxe de Covadonga, A Inmaculada, Manuel Luís Acuña e Manuel Sueiro, desenvolveron ao longo da mañá actividades literarias ao redor da figura de Pura Vázquez, homenaxeando á autora coa lectura de poemas e xogos literarios e lembrando a traxectoria da que foi pioneira da literatura en galego para os máis novos. O acto, que contou na parte musical coa participación do grupo “A Roda”, rematou xunto ao monumento das irmás Pura e Dora Vázquez, instalado no recinto da “Insua dos Poetas”.

Manuel Baltar, quen agradeceu aos nenos a súa participación no acto, dixo que para a Deputación de Ourense “é moi importante seguir honrando a figura de Pura Vázquez, como xa fixemos en Ourense o pasado Día das Letras Galegas, e como tamén facemos honrando ao longo deste ano a Ben Cho Shey, porque na nosa provincia temos talento e creatividade con exemplos abondo demostrados ao longo da nosa historia”. Pola súa banda, Valentín García animou aos escolares “a seguir defendendo e utilizando o noso idioma, no que hoxe homenaxeamos o labor de Pura Vázquez como mestra e creadora literaria”, e o alcalde do Carballiño subliñou a relevancia do día de hoxe “no que nos damos cita persoas que cremos na cultura, na liberdade e no arte”, remarcando a importancia da colaboración entre a Deputación, o concello do Carballiño e a Fundación “Insua dos Poetas”, dixo Francisco Fumega. Luis González Tosar, quen exerceu de mantedor do acto e leu un poema composto por frases que os nenos uniron de distintas creacións literarias de Pura Vázquez, afirmou que neste evento “dialogan a literatura e a natureza, e vós, os nenos, sodes protagonistas desta festa da palabra xunto a Pura Vázquez, a quen honramos”.

Artigos relacionados

Back to top button