Filmes, documentais, curtas, homenaxes, unha exposición e por suposto, música. Son os ingredientes cos que cada ano se prepara a Semana de Cine, organizada polo Cine Club Groucho Marx en colaboración co Concello do Barco de Valdeorras, que na tarde do venres 25 de agosto poñía en marcha a 32ª edición.
No Teatro Lauro Olmo tiña lugar a inauguración coa homenaxe a Baños Filmes e a proxección de Os irmáns Marx no Oeste de Edward Buzzell, pero o apartado musical, a cargo de Los Tres de la Noche desenvolvíase preto xa da madrugada, na praza Maior.
Alí, o trío romántico formado en Madrid interpretaba parte do seu repertorio formado principalmente por boleros e baladas, ritmos que combinan con outros como cumbia ou rancheras, poñendo a banda sonora á 32ª Semana de Cine do Barco.
Fotos e vídeo: A.R.