En portadaÚltima hora

Lousa e viticultura, temática do III Concurso de fotos da Ruta do Viño de Valdeorras

Esta tarde presentábase esta convocatoria na sede do Clúster da Pizarra de Galicia. O prazo de presentación de traballo concluirá o 30 de xuño

 

“Pioneiros da Lousa”. Con este lema vén de convocarse o III Concurso de Fotografía da Ruta do Viño de Valdeorras, cuxo prazo estará aberto ata o vindeiro 30 de xuño. A temática desta edición do concurso será a viticultura e a lousa, debendo aparecer nas fotografías presentadas imaxes referidas á devandita materia que “mostren a contorna da comarca de Valdeorras facendo referencia á arte do viño e a lousa conxuntamente en calquera dos seus aspectos: paisaxe relacionada coas explotacións de lousa, consumo, historia, usos da lousa, composicións creativas, etc. Aqueles que desexen fotografar as canteiras de lousa durante as xornadas laborais, poden facelo pedindo permiso ao Clúster da Pizarra de Galicia “, tal e como se explicaba na presentación deste concurso, que tiña lugar esta tarde de 13 de maio na sede da citada entidade empresarial, en Sobradelo.

Nesta cuarta edición o Clúster será unha das entidades patrocinadoras do concurso. Esta acción enmárcase no obxectivo de lanzar iniciativas de dinamización conxuntas coa Ruta do Viño de Valdeorras, en tanto en cuanto emanan de dous organismos que representan os principais motores económicos da comarca, segundo esta organización empresarial.

“A nosa idea é darlle un carácter estable e continuado a esta colaboración, a través da posta en marcha dun convenio de colaboración específico”, sinalaba no acto o presidente do Clúster, Víctor Cobo. Pola súa banda, o seu vicepresidente, Rogelio López, poñía en valor na súa intervención “a transcendencia do labor realizado polos pioneiros da lousa no nacemento e o despegamento deste sector en Valdeorras. A pesar dos escasísimos medios cos que contaban, a pesar de ter que realizar manualmente máis do 90% dos procesos, ou de que os medios de comunicación eran tan escasos e pouco fiables como as pésimas vías polas que se desprazaban; estes precursores conseguiron alcanzar o éxito e poñer a Valdeorras e á súa lousa no mapa”, aseguraba.

 

 

Pola súa banda, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, que estaba acompañado pola vicepresidenta da asociación, Montserrat Rodríguez, indicaba que “esta colaboración nace da necesidade de centrar esforzos para explotar o potencial turístico de Valdeorras, tanto desde o ámbito industrial como enoturístico”. Así mesmo lembraba que o obxectivo principal da asociación que preside é mostrar que a comarca si é unha alternativa real turística, na que viño, patrimonio e territorio deben camiñar da man. ” A Ruta do Viño de Valdeorras non pode tirar en solitario das promoción turística da comarca, senón que se deben implicar máis institucións, ademais de contar con oficinas de turismo”.

Como participar no concurso

Poderá participar neste concurso calquera persoa, maior de idade, que achegue un máximo de tres fotografas relacionadas coa temática esixida. Cada participante deberá presentar dous sobres, en cuxo exterior figurará o lema co que se presentan. O primeiro sobre conterá as fotografías en papel fotográfico, en cuxa parte posterior figurará o título, número da fotografía, e lugar no que foi realizada. O segundo sobre incluirá o formulario de participación cuberto.

Ditas fotografías deberán entregarse na seguinte dirección:
AEVA, Praza do Concello, 1, 32300 O Barco de Valdeorras (Ourense)
E tamén deberán ser enviadas á dirección de correo electrónico
info@rutadelvinovaldeorras.com.
As fotografías presentadas teñen que ser orixinais e non poden estar premiadas con anterioridade en ningún outro certame ou concurso.
Estas deberán cumprir cos requisitos que se detallan a continuación:
– Tamaño máximo de arquivo de 8 MB.
– Admitiranse imaxes en formato JPG ou PNG e impresas en papel fotográfico.
– As imaxes non poderán conter marcas comerciais.
– Non está permitida a manipulación nin a modificación dixital das fotografías. Só
aqueles axustes moderados que afecten a: correccións globais de ton, equilibrio
do branco, luminosidade, contraste, saturación de cor e axuste de sombras e luces,
ou para eliminar marcas.
– As imaxes presentadas poderán ser en branco e negro ou en cor, realizadas con calquera
técnica, con todo non se poderán incluír bordos, marcas de auga ou
firmas.
– As fotografías terán un tamaño de 20×30 cm, e non se presentarán sobre ningún
soporte, reforzo ou marco. Todas aquelas fotografías presentadas que non cumpran
este tamaño non serán consideradas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button