ConcellosÚltima hora

Luar na Lubre na XIX Festa da Cabreira en Nogar

O concerto do grupo galego terá lugar o 11 de xullo a partires da medianoite en Nogar (Castrillo de Cabrera)

LUAR NA LUBRE

Como cada ano dende hai case dúas décadas, a comarca leonesa de La Cabrera prepárase para celebrar a súa tradicional festa, unha das máis vinculadas á terra, sinónimo de tradición e de costume, cuxa organización, despois de cinco anos, volve recaer no Concello de Castrillo de Cabrera co socialista Tomás Blanco na alcaldía.

Así, a XIX Festa da Cabreira terá lugar o sábado 11 de xullo na localidade de Nogar. Os festexos arrancarán ás 12h. coa concentración de pendóns chegados de toda a comarca, que comezarán o desfile ata o lugar da festa, acompañados polas tres bandas de gaitas de Cabreira: Corporales, Quintaniella (de Yuso) e Pombriegu, esperando izados a chegada das autoridades para a lectura do pregón, prevista para as 13h.
Media hora máis tarde os Gaiteiros de Corporales acompañarán a saída dos Campaneiros de La Cuesta, amenizando asemade a sesión vermú.

E xa ás 14:30h. terá lugar o xantar popular antes de que dé comezo, en torno ás 16:30h, un “Seranu Cabreirés” organizado pola Asociación Cultural Faceira. De seguido, en torno ás sete da tarde tocaralle o turno a Manolín Contacontos, viaxeiro coas súas historias tradicionais e Fran Allegre, lutier e músico tradicional que porá son aos contos, moitos deles da xeografía leonesa. Ámbolos dous serán protagonistas dunha actividade para tódolos públicos ata as 20h. momento no que os Gaiteiros de Quintaniella e os de Pombriegu tocarán e farán unha exhibición de bailes rexionais.

Os gaiteiros darán paso ao primeiro pase da orquestra Royal que amenizará o baile ata as 22:15h, que será cando comece a “Homenaxe á música e aos músicos da Cabreira” para, de seguido, dar paso á actuación do grupo de música tradicional Tarna. O segundo grupo de referencia da xornada, Luar na Lubre tocará en torno á media noite. Os galegos, que teñen actuado por todo o mundo, interpretarán temas do seu último traballo coa nova cantante Paula Rey, incorporada hai pouco tempo ao grupo.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button