CulturaCulturaÚltima hora

Luis Congil presenta o libro “A marabillosa historia do viño en Galicia”, no Ribeiro

Será o venres 8 de xullo, ás 20:00, no Museo do Viño de Galicia en Ribadavia

Imaxe inédita con Graham Greene bebendo Ribeiro con Antonio Nogueiras Romero, o gaiteiro das Regadas. Cedida por Luis Congil.

Que relación tivo Pablo Picasso co Ribeiro? Era Graham Greene un espía do MI6 na transición española cando visitaba esta comarca? Que papel xogou o duque de Lancaster na expansión dos “ribadavias” por Europa no século XIV? E a declaración do primeiro Ano Santo Xacobeo? Estas e moitas outras preguntas sobre a historia dos viños do Ribeiro terán resposta o próximo venres 8 de xullo, ás 20h, no Museo do Viño de Galicia, na conferencia de presentación do libro “A marabillosa historia do viño en Galicia”, do xornalista Luis Congil.

“O Ribeiro está a vivir unha segunda idade de ouro”, afirma o autor, “como se reflexa na morea de premios colleitados no último ano, no recoñecemento do valor de marca e no incremento do valor da terra, pero” -advirte- “debemos coñecer a historia que nos trouxo ata aquí para non cometer os erros do pasado”.

Así, na conferencia “A marabillosa historia do viño en Galicia”, Luis Congil fará un percorrido desde as últimas novidades na identificación xenética dos primeiros cultivos das variedades galegas nos rexistros arqueolóxicos, ata a presenza do primeiro lagar rupestre recoñecido de procedencia romana ata chegar ao século XX, con todas as súas contradicións e calamidades no Ribeiro.

“O Ribeiro foi un viño de prestixio internacional consumido polas elites europeas na Idade Media”, afirma o autor, “por una afortunada conxunción de casualidades: a toma de Ribadavia polas tropas de Lancaster actuaron como unha `feira de mostras´ sobre os soldados ingleses, que voltaron a Inglaterra falando marabillas dos viños, e á declaración do primeiro Ano Santo a principios do século XV, que xerou a necesidade de cargar os barcos que regresaban a Europa de deixar a miles de peregrinos en Galicia”.

O século XX: “o paradoxo da abundancia”

Especial atención merecen as penosas circunstancias que atravesou a comarca do Ribeiro nos séculos XIX e XX. Ás pragas de oidium, mildeu e filoxera veuse a sumar o paradoxo dunha produción cada vez maior, o acceso á propiedade da terra coa redención dos foros, pero unha forte depreciación do valor de marca secular que ata entón atesouraban os viños de Ribadavia.

Entre os factores menos analizados para a gran crise do século XX, hoxe afortunadamente superada con creces, atópase o crack bursátil de 1929, que ao cortar de súpeto os retornos de divisas dos emigrantes, así como a súa propia capacidade financeira nos seus países de destino, amputaron de súpeto as exportacións de ribeiros, ata entón millonarias en toda Sudamérica, a onde se distribuían desde La Habana.

Estas e moitas outras cuestións, como o papel no desenvolvemento agropecuario da comarca de empredendores como José Andrade Usatorre ou visionarios como Pedro Sánchez Vaamonde, serán abordadas na conferencia do venres á tarde no Ribeiro nunha conferencia cun dinámico soporte audiovisual que inclúe documentos orixinais, pronunciada polo autor do libro “A marabillosa historia do viño en Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button