Eleccións municipais 2023Última horaVídeos

Luis F. Gudiña: “A Rúa necesita un cambio e nós presentámonos como a mellor alternativa de futuro”

O candidato socialista daba un mitin no paseo do Aguillón acompañado entre outros polo senador, Miguel Bautista e a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez

 

Na tarde deste venres 19 de maio, nun acto celebrado no Aguillón, a carón do encoro de San Martiño, o PSdeG-PSOE da Rúa presentaba o seu proxecto e a súa candidatura cun acto que contou coa presencia de ducias de veciños (tamén compañeiros de partido, entre eles a alcadesa de Petín Raquel Bautista) que escoitaron as propostas socialistas para o concello. Un acto no que participaban a número dous da lista, Ana Fernández Vizcaya; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o senador, Miguel Bautista; e o candidato á alcaldía da Rúa, Luís Fernández Gudiña.

Trala presentación feita por Ana Fernández, a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta dirixíase aos presentes, aproveitando a súa intervención para destacar que “con cada voto ao PSdeG-PSOE, con cada voto ao noso candidato Luís, apoiades tamén o cambio na Deputación de Ourense para que ese señor que considera que ir conducindo un vehículo oficial a 215 km/h é un despiste, que considera que a institución provincial e súa e que os recursos públicos son seus, saia a toda velocidade da Deputación de Ourense”. A parlamentaria socialista puxo o foco tamén en que “cando gobernamos os e as socialistas, facémolo de forma distinta, con eficacia, a pesar das múltiples competencias impropias que asumen os concellos pola deixadez da Xunta de Galicia”.

 

A número 2 socialista ao Concello da Rúa, Ana Fernández Vizcaya.

 

O senador Miguel Bautista, afirmou que “este 28 de maio imos encher as urnas de votos para rematar co abandono e o desleixo que viviu a Rúa nestes últimos 4 anos, e para acabar co descontento xeneralizado pola pésima xestión daqueles que gobernaron o municipio neste último mandato”. O petinés tamén subliñou que “loitaremos contra o despoboamento, contra os recortes sanitarios e seguiremos pelexando por acadar investimentos para a Rúa e para a comarca de Valdeorras, porque os e as socialistas apostamos polas persoas e por esta terra”, dixo compartindos cos asistentes a súa experiencia en Madrid.

O último en falar era o candidato á alcaldía da Rúa polo PSdeG-PSOE, Luís Fernández Gudiña, quen asegurou que “A Rúa necesita un cambio e nós apostamos por un proxecto que sexa unha alternativa de futuro, baseado na experiencia, cun equipo comprometido e que permita que o concello avance”.

 

O candidato socialista á alcaldía da Rúa, Luís Fernández Gudiña.

 

Despois de facer un repaso polos “catro anos de descontento co goberno do PP”, Luís subliñou que os obxectivos principais dos socialistas son “desenvolver políticas que teñan como eixe central ás persoas, políticas que xeren actividade nos sectores produtivos do noso concello, políticas en defensa da educación e a sanidade públicas, políticas que potencien o noso patrimonio ambiental e etnográfico, políticas de promoción do comercio de proximidade, da cultura e do deporte”.

Neste senso, o actual voceiro socialista dirixiuse ao publico para pedir “o respaldo de todas e todas para conseguir a maioría necesaria que nos permita un cambio na maneira de facer as cousas” e apuntou que “é necesario que unamos forzas e que o día 28 votemos socialismo, votemos por unha candidatura que é a única opción política que ten como eixo do seu programa buscar solucións aos problemas cotiás da veciñanza da Rúa”.

 

 

Fernández Gudiña explicou que o programa socialista, que dividiron en seis bloques, propón “medidas reais”, e coon el defenden “un concello aberto, participativo, dinámico e transparente, rexido polos principios da igualdade, a capacidade e o mérito”. O candidato socialista explicou que o proxecto socialista pasa por “mellorar as infraestruturas básicas; asentar poboación; loitar contra a seca; a elaboración dun plan de vivenda de aluguer social; o deseño dun plan de seguimento contra a soidade dos nosos maiores; buscar fórmulas para desenvolver o polígono industrial; apostar polos sectores produtivos máis importantes; xerar emprego; potenciar as políticas medio ambientais; mellorar os parques infantís; apostar pola cultura e o deporte; apoiar ás asociacións ou impulsar un local para a mocidade”.

A modo de despedida, Fernández Gudiña lembrou que os socialistas preséntanse a estes comicios electorais “con ilusión, con moitas ganas e con toda a forza do mundo”, convidando aos asistentes á festa de fin de campaña que celebrarán o vindeiro 26 de maio no campo de San Roque.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button