PolíticaÚltima hora

Luís Fernández Gudiña encabezará novamente a candidatura socialista á alcaldía da Rúa

Luís Fernández Gudiña, candidato socialista á alcaldía da Rúa.

 

O PSdeG-PSOE aposta novamente por Luís Fernández Gudiña como candidato á alcaldía da Rúa nas eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O candidato socialista preséntase aos comicios electorais co obxectivo de “abrir o concello á veciñanza e de que dende o goberno municipal exista unha preocupación polos veciños e polas veciñas e se este sempre pendente deles e delas”.

Fernández Gudiña conta coa bagaxe de ter sido alcalde do municipio entre 2017 e 2019 e busca “revalidar á alcaldía”. Explica que se presenta a estas eleccións locais porque “vimos observando ao longo desta lexislatura que existe un gran descontento no municipio pola forma de xestionar que ten o actual equipo de goberno”. Engade que “fixeron do concello un lugar onde a xente non ten posibilidade de achegarse e poder presentar os seus problemas para atopar solucións”, xa que segundo apunta “ninguén os atende e escoita”.

O candidato socialista sinala que existen “fondas preocupacións pola calidade dos servizos”, xa que tal e como explica “veñen deteriorándose dunha maneira palpable nos últimos tempos”. Neste senso afirma que “non se están cubrindo as prazas vacantes que se producen por xubilación, o cal leva a que instalacións como a biblioteca ou o centro cultural estean a sufrir un notorio deterioro, ante a falta de recursos e persoas para poder atender estes servizos correctamente”. Adianta que “defenderemos a sanidade e a educación públicas e poremos en marcha un plan de vivenda social para que aqueles que o precisen poidan vivir nestas vivendas”; e tamén destaca que no caso de gobernar “apostaremos pola humanización dos núcleos de poboación que temos, para que os veciños e veciñas poidan ter unhas infraestruturas acordes aos tempos que corren”.

 

Artigos relacionados

Back to top button