CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Luis M. Gurriarán presenta no Barco a súa novela sobre a violencia de xénero

'¿Lidia o Victoria?' é historia dunha muller vítima de malos tratos contada en primeira persoa

 

O barquense Luis Manuel Gurriarán Rodríguez leva escritas moitas páxinas ao longo da súa vida. De feito é unha afección que lle vén xa de novo e cando ten un rato ponse a escribir, aínda que novelas unicamente ten dúas. Hai anos publicaba La Ruta de Las Estrellas, un libro histórico ambientado nos séculos anteriores á Idade Media e en plena pandemia de Covid, presentaba o seu segundo título ¿Lidia o Victoria? (Punto Rojo Libros, 2021) que narra a historia dunha muller vítima de malos tratos.

O libro estaba na editorial para sacalo en maio de 2020 pero coa chegada do Covid non se publicaba ata febreiro de 2021. Un ano e medio despois, tras ser presentado na Coruña onde vive Gurriarán e tal como pasara co seu primeiro libro, ¿Lidia o Victoria? chegaba ao Barco, sendo presentado na cafetería do Casino da man do Instituto de Estudos Valdeorreses.

 

Presentación do libro no Casino do Barco.

 

No acto, presentado polo presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, o propio autor explicaba o motivo que o levou a escribir o libro.  Nun momento no que a información chega puntual e cada vez con maior celeridade “estamos todos os días vendo mortes por este motivo. Dende que existen rexistros (no 2003) van 1.148 vitimas mortais (datos a 31 de maio de 2022). No ano 2021 houbo 43 mortes, neste 2022 van 18 mulleres mortas a mans de homes, datos que me seguen chamando a atención e iso é o que me empuxa a escribir sobre o particular”, explica o propio Luis que para dar forma á protagonista, fixo o seguemento sobre o tema, “lin todo o que caía nas miñas mans sobre o particular, vin todo o que se publicaba tanto en televisión como en prensa e noutros medios”, ademais de falar con xente que pasara por este trance, e comezou a escribir.

Primeiro fíxoo en terceira persoa, como narrador, pero parou porque non lle convencía. “Tiña que ser escrita en primeira persoa. Debía ser a protagonista a que narrase os feitos e tiven un proceso de adaptación de min mesmo. Tiven que poñerme na mentalidade e no corpo dunha muller para retomala e volver escribir ata que a terminei. Ese parón foi de varios meses porque me resultou moi difícil. Así como hai mulleres que escriben moi ben como homes e viceversa, no meu caso custoume facer esa reflexión. E logo tamén aproveitei o parón para documentarme máis e falar con máis xente que pasara por este trance, algo que che pon en situación”, di Luis Manuel.

 

Luis Manuel Gurriarán asinando libros.

 

Sobre o contido da novela, Luis Manuel limitouse a ler o resumo da contraportada pero nunha entrevista concedida ao Periódico O Sil destacaba que Lidia/ Victoria “son unha mesma persoa. Lidia é unha muller que nun momento sofre maltrato e por unha serie de circunstancias, cambia de vida e de poboación, comeza a traballar… Digamos que Lidia é a primeira parte da novela e Victoria a segunda parte”.

Na presentación feita esta tarde tamén interviu a vicesecretaria do IEV, Sherezade Núñez, quen como muller fixo unha reflexión sobre a violencia de xénero, falando dos dereitos humanos e destacando que “como sociedade temos que tender a man ante as inxustizas”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button