Ourense

Luis Paadín presenta a “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia 2019”

Nela recóllense máis de mil fichas de cata e resultan premiadas unhas 175 referencias das denominacións de orixe da Galicia interior
Os sumilleres Luis e Alejandro Paadín, catando xunto a un exemplar da guía do 2019./ Foto cedida.

A Aula de Cata de Servino na Coruña acollerá o vindeiro 16 de decembro a presentación da “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia 2019”, dirixida polo sumiller Luis Paadín. A nova edición desta obra, que nacía hai xa dez anos como un vademécum de todas as adegas de Galicia, resultou en palabras do seu responsable “todo un reto xa que este exemplar contén máis de 1.000 fichas de cata. Este apabullante número de mostras débese en gran parte á aposta de cada vez máis adegas pola guía como apoio na posta en valor de todo o colectivo, pero tamén á aparición de novas referencias baseadas na diferenciación de cada terruño”.

Neste senso, Paadín indica que “cada ano apréciase con maior intensidade esta corrente de diferenciación baseada no viñedo e menos nas prácticas enolóxicas, sen dúbida un reflexo das tendencias internacionais. Por iso resulta máis habitual atopar referencias cuxa escasa produción (ás veces tan só uns centos de botellas) pode facer pensar que son entelequias, cando en moitos casos resultan ser a esencia dunha paisaxe e dunha añada”.

Ademais a guía, cunhas 400 páxinas e sen publicidade, distingue en función das mellores puntuacións a unha serie de viños, entre os que figuran uns 175 das denominacións de orixe Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. Esta obra presentarase nos vindeiros días nos consellos reguladores destas zonas. Nas súas páxinas tamén se achega información sobre solos con xenuínos mapas edáficos, climáticos e pluviométricos de cada D.O.

Esta publicación finánciase a través do microcenado e conta nesta edición con “máis de 200 mecenas que se comprometeron a mercar máis de 1.000 exemplares, dos 2.000 editados”, explica Luis Paadín.

 

Portada da guía.

Artigos relacionados

Back to top button