Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Magosto popular o día de San Martiño no parque do Barbaña, en Ourense

 

Despois de máis dunha semana de insistente chuvia, a xornada de hoxe, luns 11 de novembro, amencía traquila e mesmo soleada, preparándose para a celebración do tradicional magosto, un dos actos centrais da festa de San Martiño, patrón da cidade de Ourense, que un ano máis se desenvolvía no parque do Barbaña. A capital das Burgas presume de celebrar esta festa (declarada de interese turístico de Galicia) como ninguén o fai, e boa conta diso deron os cidadáns acudindo en masa a este punto de referencia da festividade ourensá por antonomasia.

En torno ás cinco da tarde comezaba a arder a fogueira mentres a xente ía recollendo o menú para degustar no parque: pan con chourizo e viño ou auga, e unha vez asadas, as castañas. A animación musical correu a cargo dos Daniñas.

 

Os Daniñas puxeron a nota musical á tradicional celebración.

 

Este ano o Concello de Ourense apostou por unha festa do magosto sostible e responsable involucrando a cidadanía, por iso Ecovidrio encargouse de instalar dous iglús onde cada ourensán poderá cambiar tres botellas ou tarros por unha árbore, o castiñeiro. Con esta acción, “Ecovidrio pretende trasladar a mensaxe de sustentabilidade ambiental, tanto desde o punto de vista da reciclaxe do vidro como convidando a veciñanza a plantar árbores”, en palabras de Germán Fernández, xerente da asociación sen ánimo de lucro para Galicia e o norte de España.

O programa do Magosto 2019 incluíu ademais outras actividades nos días previos ao San Martiño como concertos de música tradicional na praza Maior, obradoiros e animación de rúa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button