DeportesÚltima hora

Mailén Aller (Peña Trevinca Barco) volve destacar na liga galega de orientación a pé

Era 1ª na categoría F12 na proba celebrada esta fin de semana en Rairiz de Veiga

Mailén Aller antes da proba da Copa Deputación 2019 disputada no Barco de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O concello de Rairiz de Veiga acollía este domingo a 6ª e penúltima proba da liga galega de orientación a pé, unha das dúas que se celebran en mapas situados na provincia de Ourense na que participa o Club Peña Trevinca Barco.

En concreto, esta tiña lugar no mapa de A Saínza, sobre un terreno completamente chairo “que facilitou boas velocidades de carreira pero que esixiu a todos os orientadores unha concentración máxima para interpretar correctamente o mapa e tomar as mellores decisións de navegación”, explican dende o club valdeorrés que coma sempre conseguía bos resultados.

O máis destacado, unha vez máis, foi o de Mailén Aller Pfirter que se situaba 1ª na categoría F12 proclamándose campioa galega a falta dunha proba. A súa irmá Milagros era 3ª en F18. Tamén foron importantes os segundos postos de Israel Agudo Calvelo en M14; Iago Trigo Vázquez en M16; e Lisardo Vázquez Fernández en M21B. Ademais en iniciación curta, Olalla Vázquez Martínez era 1ª e Ariadna Conde Vázquez 2ª.

A liga finalizará o vindeiro 16 de novembro coa proba que se celebrará no Barco de Valdeorras organizada polo Club Trevinca Barco.

Artigos relacionados

Back to top button