SanidadeÚltima hora

Máis de 1.100 ourensáns son tratados ao ano por enfermidades inflamatorias intestinais

Este martes celébrase o día mundial deste tipo de doenza crónica de causa descoñecida

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste 19 de maio celébrase o Día Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII), diagnóstico que agrupa a un conxunto trastornos inflamatorios que engloba á enfermidade de Crohn e á colite ulcerosa, das que en Ourense son tratadas anualmente 1.100 persoas, pola Unidade de EII da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, unidade de referencia, que vén de ser recoñecida cunha Certificación de Excelencia pola súa actividade investigadora ecalidade asistencial, segundo destaca o Sergas.

A enfermidade inflamatoria intestinal trátase dunha patoloxía crónica de causa descoñecida, cuxos síntomas son moi variados e adoitan incluír a diarrea ou a dor abdominal, chegando en ocasións a requirir cirurxía ou ser incapacitantes para os pacientes.

A prevalencia na nosa provincia é de de 360 pacientes por cada 100.000 habitantes, é dicir, un 0,36% da poboación, cunha incidencia anual de 15 novos casos por cada 100.000 habitantes.

Para a súa atención continuada, o Servizo de Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras puxo en marcha en 2003, a Unidade de EII, unha das primeiras a nivel nacional, co obxectivo dunha mellor atención mediante unha maior especialización e coñecemento dos pacientes.

Froito desta longa experiencia, en xaneiro deste mesmo ano, a unidade ourensá participou no Programa de Certificación das Unidades de Atención Integral a pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal, auditado por Bureau Veritas e desenvolvido e impulsado polo Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colitis Ulcerosa (GETECCU) recibindo a acreditación de excelencia que a sitúa como referente a nivel autonómico e internacional.

Diagnóstico Precoz e seguimento multidisciplinar

As claves, tanto para mellorar o prognóstico da EII, como para controlar os seus síntomas, son o diagnóstico precoz, a abordaxe multidisciplinar e o tratamento personalizado de cada un dos pacientes, así como a súa monitoraxe. Por elo, en Ourense apóstase por un seguimento programado, para permitir a detección dos brotes da enfermidade, nas súas fases iniciais, o que require, en moitos casos, menos intensidade de tratamento. Esto tamén permite controlar os efectos secundarios dos fármacos e previr complicacións asociadas

Durante o desenvolvemento da enfermidade, pódense presentar complicacións, tanto intestinais (oclusión intestinal, deficiencias nutricionais, etc.), como extraintestinales (dermatolóxicas, reumatolóxicas, oculares e hepatobiliares, entre outras). A aparición dos síntomas da enfermidade é impredicible, con períodos de remisión e recaídas que, en moitos casos, chegan a requirir hospitalizacións e intervencións cirúrxicas.

A cronicidade da enfermidade, os controis periódicos, un tratamento farmacolóxico continuado e a posible necesidade de intervencións cirúrxicas teñen unha gran repercusión na vida familiar, laboral e social do paciente, e condicionan considerablemente a súa percepción de saúde e a súa calidade de vida, polo que a súa normalización, coñecemento e aceptación social continúan a ser claves.

Artigos relacionados

Back to top button