Marea violeta contra o cancro de páncreas en Vilamartín. A sociedade valdeorresa vén de volcarse coa iniciativa solidaria promovida por un grupo de veciñas desta localidade, que decidiron dar un paso adiante para loitar contra esta doenza tras o falecemento dun familiar, Miguel Ángel, por esta causa.
A I Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro de Páncreas que se celebra en Galicia reunía a unhas 1.100 persoas na mañá do 25 de novembro en Vilamartín. Os primeiros en tomar a saída eran os preto de 800 camiñantes, dende o CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Valdegodos ás dez e media. Unha hora despois, facíano os corredores. Todos eles vestían camisetas violetas.
Esta exitosa proba solidaria, en cuxo proxecto se embarcaban estas veciñas de Vilamartín hai apenas dous meses, cobraba forma nunha organización na que contaban co respaldo de ACANPAN (Asociación de Cáncer de Páncreas) e AESPANC (Asociación Española de Pancreatología), xunto coa colaboración coa Delegación da Federación Galega de Atletismo en Valdeorras. Tamén se sumaban ao proxecto entidades como Club Peña Trevinca Barco e os Concellos de Vilamartín, Rubiá e O Barco. Trátase dunha dobre cita cunha andaina (de adultos e nenos) e unha carreira de 11 km.
Para levar adiante este evento cóntase ademais co apoio de Protección Civil de Vilamartín, do Bolo, da Rúa e do Barco, así como con Ambulancias Sil. Ademais hai numerosas empresas da zona que patrocinan a cita e un grupo de afeccionados ao enduro prestan tamén o seu respaldo. A proba contaba ademais cun fotógrafo oficial, o barquense Javier Brasa.
Dende a organización faise un balance moi positivo da resposta ante esta primeira edición e amosan a súa sorpresa pola elevada participación. “Nós esperabamos inicialmente unhas 300 persoas, pero cuadriplicamos esa cifra, estamos moi sorprendidas porque se desbordamos as previsións, e tamén moi agradecidas”, indican as promotoras.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos:
https://osil.info/a-multitudinaria-i-carreira-e-andaina-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas-de-vilamartin-en-fotos/
https://osil.info/vitoria-de-alejo-ares-adas-na-i-carreira-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas-de-vilamartin/