En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Máis de 1.300 persoas asisten no pavillón de Calabagueiros ao xantar da XXII Festa do Botelo

 

O xantar oficial da Festa do Botelo que no mediodía deste sábado 20 de xaneiro celebraba a XXII edicións, volvía reunir a máis de 1.300 comensais no pavillón polideportivo de Calabagueiros. Este ano o convidado de honra era o Concello de Bembibre (León), contando coa asistencia do tenente de alcalde, Sigifredo Benavides.

 

 

Tralo acto institucional no Teatro Lauro Olmo, que contou coa actuación do Orfeón Valdeorrés, a homenaxe a Concepción Moral Calvo (cociñeira e copropietaria do Mesón JR 2000) e o pregón a cargo de Xosé Lois González Vázquez “Carrabouxo”, a festa continuaba co xantar no pavillón municipal que contou co habitual menú a base de botelo, acompañado de chourizos, patacas e repolo. Tal como adiantan dende o Concello, servíronse, en total, 900 quilos de botelo, 150 de chourizos, 300 de patacas e 350 de verdura. Todo, regado con 600 botellas de viño tinto do Barco e, de sobremesa, 60 tortas de roxóns e 80 bicas.

 

 

O xantar contou coa animación musical dos grupos que ademais de animar o pasarrúas dende o teatro ata o pavillón, continuarán cos xa tradicionais cantos de taberna en nove establecementos: Corenta e Chinco Boys, Os do Venres, Os Somontanos, As Macizas Centrais, Pábdega, Abertal e Os Trabazos

 

 

A actuación de Amancio Prada, mañá domingo 21 de xaneiro ás 20 horas no Teatro Lauro Olmo porá o punto e final a esta XXII edición da Festa do Botelo. As entradas para este concerto, ao prezo de 10 euros, están a venda de xeito anticipado en Ton y Son, e desde unha hora antes poderán adquirirse no propio teatro.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button