OurenseÚltima hora

Máis de 10.500 cativos participan na 4ª “Semana Escolar da Árbore e da Auga”

A Deputación edita o libro-manual A invención do salgueiro en Ourensanía, dirixido a estudantes de Primaria

Do 19 ao 23 de marzo celébrase a cuarta edición da “Semana Escolar da Árbore e da Auga” organizado pola Deputación de Ourense para celebrar os Días Mundiais da Árbore e da Auga no que participarán 10.765 escolares e 849 docentes de 100 centros de Educación Primaria.

Para tal fin, o goberno provincial editou o libro-manual A invención do salgueiro en Ourensanía, dirixido a estudantes de Primaria, do que é autor Xosé Antonio Perozo. Na presentación da actividade, o presidente da Deputación explicou que a posta en marcha desta iniciativa cultural ten como obxectivo “divulgar entre os máis novos da nosa provincia, a importancia de preservar o noso medio ambiente, así como fomentar a concienciación medioambiental, unha temática que este ano adquire aínda máis forza despois da vaga de lumes que vivimos hai uns meses”.

O libro-manual está adecuado aos cursos de primaria e ten como árbore protagonista o salgueiro que, a través dunha historia de ficción que se desenvolve nos espazos naturais protexidos da provincia, pretende chamar a atención sobre as secas e os incendios educando na conciencia ambiental e na prevención e conservación da natureza, creada para que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo.

Ademais do libro tamén se editou unha Guía do Profesorado que orientará aos docentes dos diferentes centros con actividades que redunden na concienciación medioambiental. A guía recolle propostas de actividades e pautas para utilizar os libros, que recibiron os alumnos inscritos e os seus profesores.

Como conclusión da actividade, o día 23 de marzo, ás 12 horas, os centros participantes procederán á plantación e bautizo dun pé de salgueiro remitido pola Deputación de Ourense a todos os centros participantes.

Artigos relacionados

Back to top button