ConcellosÚltima hora

Máis de 160.000 euros para reparar as igrexas valdeorresas afectadas polos lumes do 2022

O Consello da Xunta autorizaba na súa reunión de hoxe a sinatura don convenio entre a Consellería de Cultura e a Diócese de Astorga para rehabilitalas

 

O Consello da Xunta vén de aprobar na súa reunión deste xoves a sinatura dun convenio de  colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Diocese de Astorga para reparar os danos causados polos incendios do ano 2022 nas igrexas de San Martiño de Alixo (O Barco de Valdeorras) e de Nosa Señora da Asunción de Barrio e Castelo, no concello de Rubiá.

“Trátase dun acordo dotado con máis de 160.000€, que suporá a recuperar destes dous bens da provincia de Ourense incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. En ambos casos o lume provocou danos que supoñen un risco para a veciñanza e visitantes, xa que se colapsaron os parámetros exteriores, especialmente nas zonas de uso público e os elementos estruturais nas zonas horizontais e verticais. Estes desperfectos, identificables a simple vista, afectaron tamén a cuberta de ambos bens”, tal e como se indica dende a Xunta.

Con este fin na igrexa de Nosa Señora da Asunción de Barrio e Castelo, a actuación de rehabilitación conta con 130.000€ e centrarase especialmente nos muros de pedra e na zona da cuberta. Así, os traballos inclúen a demolición e limpeza da pedra, a montaxe de vigas de madeira laminada na cuberta e a cubrición do tellado con pizarra. Por último, cambiaranse os volumes de pedra de granito deteriorado, renovarase o sistema eléctrico e de iluminación e restaurarase as carpinterías, reixas e portas de forxa.

Por outro lado, o convenio autorizado hoxe prevé 32.000€ para a igrexa de San Martiño de Alixo, no concello do Barco de Valdeorras, que inclúe a demolición e limpeza dos danos para a posterior colocación e montaxe de vigas de madeira na cuberta. A continuación, cubrirase o tellado de pizarra e colocarase un novo sistema de accionamento das campás. Os traballos completaranse coa limpeza en seco das pezas de cantería histórica, renovando o selado das xuntas e instalando un novo módulo de
escaleira.

Artigos relacionados

Back to top button