CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Máis de 2.000 escolares de toda Galicia pasarán pola Galiciencia 2017, en Ourense

A maior feira científica da comunidade celebrarase entre o 22 e o 24 de novembro na Tecnópole
Un dos equipos participante na anterior edición da Galiciencia co seu proxecto científico.

Un sistema de esterilización de auga de baixo custe, un mecanismo para abrir as portas dos baños públicos sen usar as mans e outro para que as ventás de tellado se pechen soas se chove ou un dispositivo tecnolóxico para escorrentar ao xabarín das colleitas, son algúns dos proxectos cos que a Galiciencia celebra este ano a XII edición.

Con gran afluencia de equipos candidatos a contar cun stand na feira, foron seleccionados os 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato e os 29 de Primaria que finalmente serán expostos entre o mércores 22 e o venres 24 de novembro no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Os de Primaria exhíbense fóra de competición, e os premios aos mellores proxectos de Secundaria e Bacharelato serán disputados por equipos procedentes de 40 colexios e institutos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Asturias e Andalucía. A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2.000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas e de 15 a 18 horas tanto o mércores coma o xoves, mentres que o venres só estará aberta pola maña ata a entrega de premios.

Os participantes nesta edición competirán por situarse entre os tres finalistas conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O segundo premio terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que quede en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Ademais, durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros nos que os máis pequenos poderán iniciarse na astronomía (protagonista das actividades paralelas deste ano) e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática.

Artigos relacionados

Back to top button