Dous días despois de rematar dende o SilFest Valdeorras fan balance da 8ª edición, a “máis completa, ecléctica e exitosa” atraendo a “máis de 2.200 asistentes durante os tres días de festival (18, 19 e 20 de xullo) no Barco de Valdeorras.
O público que acudiu dividiuse entre un 50% da comarca de Valdeorras e a outra metade doutras zonas de España como Ponferrada, Cádiz, León, Valladolid, Málaga, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Palma de Mallorca… ademais das catro provincias galegas. “Público atraído polo ambiente familiar e a variedade de actividades”.
Ademais dun cartel musical ecléctico composto por vinte artistas, entre os que destacan as apostas por grupos locais como Mrs. Fine ou O Patio de Leni e nacionais consagrados como La Habitación Roja, Sôber, Carlos Ares o Cala Vento, SilFest combinou concertos con enoturismo e actividades familiares.
Este festival foi novamente un espazo para practicar o enoturismo, mediante as catro catas que se realizaron de viños locais da DO Valdeorras, e un impulso para “enxalzar o patrimonio cultural da rexión, como a variante do Camiño de Inverno”, ademais de “contribuíu significativamente ao turismo local, enchendo os aloxamentos, e consolidándose como un referente cultural en Galicia”.
Dende a organización agradecen todos os apoios sen o cales “o SilFest Valdeorras sería imposible”. Axencia de Turismo de Galicia, o Concello do Barco, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Mahou,… entre outros moitas pequenas e medianas empresas.





