No seu obxectivo de “impulsar a transición enerxética cara a unha economía libre de emisións”, Iberdrola facilita o acceso ao autoconsumo a máis de 2.400 familias de Galicia a través das comunidades solares. No marco da súa aposta polo desenvolvemento de novos produtos que permitan mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, a compañía converteuse en 2015 na primeira empresa do seu sector en integrar na súa oferta de servizos as solucións de autoconsumo.
En España, máis de dous terzos da poboación vive en edificios en altura. Para permitir beneficiarse desta tecnoloxía a todos os cidadáns, Iberdrola lanzou en 2019 as comunidades solares, mediante as que calquera veciño situado a menos de 2 Km dunha instalación pode acceder a enerxía de proximidade 100% renovable.
“Tras analizar as instalacións que levan máis dun ano en funcionamento, o consumo eléctrico medio das familias adheridas ás comunidades solares é de 3,2 MWh ao ano, e lograron máis dun 25% de aforro no seu consumo sen realizar ningún desembolso nin instalación para pasarse ao autoconsumo. Ademais, cada familia reduce 5 toneladas de CO2 durante toda a vida útil da instalación”, aseguran dende Iberdrola.
Estes resultados confirman a “aposta de Iberdrola por levar o autoconsumo á vivenda en altura a través dun modelo de subscrición, dunha forma sinxela e dixital que permite ás familias e ás empresas consumir enerxía local e sostible sen necesidade de realizar de investimento nin instalación nas súas propiedades”. Do mesmo xeito que cos paneis solares instalados na súa propiedade, os usuarios de comunidades solares poden compensar os seus excedentes, inxectando a súa enerxía sobrante na rede e recibir unha remuneración por iso, ou compensala nas seguintes facturas ou noutras residencias a través do servizo Solar Cloud de Iberdrola.