EconomíaEconomíaÚltima hora

Máis de 3.500 persoas eran atendidas polo servizo turístico do Concello do Bolo no 2024

O Santuario das Ermidas foi o monumento que máis visitantes tivo con 2.107, seguido do Castelo con 1.178 e o museo, con 294 visitantes

Visitantes no Museo Yosso.

 

O servizo municipal de atención turística do Concello do Bolo atendía no 2024 a 3.579 persoas nos tres recursos cos que conta: o Santuario das Ermidas, o Castelo do Bolo e o Museo Yosso conseguindo que, dende mediados de marzo e ata finais de decembro tiveran unha atención continuada de venres a domingo e festivos nacionais.

O Santuario das Ermidas foi o monumento que máis visitantes tivo con 2.107, seguido do castelo con 1.178, e por último, o museo con 294 visitantes. “Este servizo municipal con guía oficial vai parar nos meses de xaneiro e febreiro para volver en marzo e ata fin de ano, tal e como se fixo neste 2024, intentando adaptar os recursos económicos do concello a prestar un servizo o máis completo posible nas fins de semana e festivos”, indican dende o servizo de atención turística, destacando que “a maioría dos visitantes deixaron constancia do seu alto grado de satisfacción por poder coñecer, nun mesmo concello, tres espazos tan senlleiros”.

 

As Ermidas en primavera.

 

Segundo o informe, o mes de maior número de visitantes foi o de agosto, seguido de xullo e outros menos habituais como abril ou outubro. “Isto dá pé a pensar que O Bolo pode estar nun proceso de desestacionalización turística, xa que tanto na primavera como no outono, o número de visitantes é alto”. Nesas épocas ademais foron importantes as excursións das axencias de viaxes, que incluíron o santuario e o castelo nas súas rutas; unhas como excursión dun só día e outras como complemento a outras actividades en ruta.

O contacto coas axencias de viaxes, para amosar os recursos turísticos deste concello, foi outro dos traballos do servizo de atención turística do Bolo. “Un dos obxectivos é continuar co contacto con este tipo de axencias, que organizan excursións pola zona, para incrementar o número de visitas. Neste senso, fíxose un traballo de contacto con varias axencias na Feira Intur (Valladolid) no mes de novembro. Unha visita feita da man do Inorde e que dende o concello agarda que dea os seus froitos nos próximos meses”, explican dende o servizo.

 

Torre do Castelo do Bolo.

 

Con respecto á procedencia, os turistas na súa maioría son galegos, ao redor dun 60 %, seguidos polos de Madrid, en segundo lugar, Cataluña e Castela e León. Tamén hai un número importante de turistas do País Vasco e de Francia. “No concello do Bolo, sobre todo no verán, é notable a volta de emigrantes en Francia e Cataluña, que volven ás casas dos seus familiares neses meses”, indican, destacando que dentro dos visitantes galegos, o papel de recomendadores que exercen os propios veciños de Valdeorras cando reciben familiares e amigos nas súas casas”.

Dende o Concello do Bolo aseguran que a existencia dun servizo de guía turístico “foi destacado por todos os visitantes como unha gran vantaxe; presenza imprescindible para poder promocionar os monumentos e dar a coñecer os datos dos lugares históricos que se visitan”. Ademais a obtención dos datos de visitantes só se pode conseguir tendo este tipo de servizo.

 

Vista da fortaleza medieval.

 

Doutra banda, o servizo de atención turística municipal contribuíu á xeración de novas actividades para aumentar o número de visitantes e dar visibilidade aos recursos turísticos do concello. Entre eles os actos do cuarto centenario do santuario, que se levaron a cabo durante todo o ano; a andaina lúdico-cultural do Museo Yosso maila presentación de libros nese lugar e as actividades da Feira Irmandiña.

Artigos relacionados

Back to top button