CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Máis de 300 gaiteiros participarán no XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, en Cabeza de Manzaneda

O evento celebrarase o vindeiro domingo, 1 de agosto, e o día anterior terá lugar o IV Serán da Seitura e a Noite Celta

Publicidade
Gaiteiros na anterior edición do Certame Celtibérico de BB.GG./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Estación de Montaña Manzaneda acollerá o vindeiro domingo, 1 de agosto, a celebración do XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Manzaneda e Manzaneda Estación de Montaña. Previamente, o día anterior, terán lugar o IV Serán da Seitura e a Noite Celta, actividades que eran presentadas esta mañá por parte do vicepresidente da Deputación César Fernández; do director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; do director da Estación de Manzaneda, Víctor Picos, e da xefa territorial de Cultura en Ourense, Sandra Quintas.

Máis de 300 gaiteiros daranse cita neste evento do que César Fernández destacou que converte cada ano a Manzaneda “no epicentro da cultura tradicional galega”. Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda dixo que para o concello que dirixe “é un orgullo que este evento teña lugar cada ano; é unha aposta pola música tradicional galega que é posible levar a cabo grazas á colaboración de diferentes administracións”, dixo Amable Fernández. Sandra Quintas, quen intervíu por videoconferencia, expresou que o certame celtibérico “é un abandeirado da música tradicional galega e potencia a imaxe da provincia de Ourense e de Galicia como destino cultural”.

 

Presentación do XII Certame Celtibérico.

 

Xosé Lois Foxo foi o encargado de detallar o programa de actividades destacando “a fortaleza deste evento que segue desenvolvéndose despois de 35 anos”. Explicou que previa ao XII Certame Celtibérico, o sábado 31 de xullo, ás 18 horas, terá lugar a IV edición do Serán da Seitura, na praza da Igualdade de Manzaneda, que contará coa actuación da violinista María Rodríguez; do grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa; do grupo de gaitas e danzas A Pinguela, de Manzaneda; das Cantareiras da Real Banda, e de destacados informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives, acto no que se inaugurará o monumento na memoria de Ludivina Pérez Ricoi. Ese mesmo día, ás 23 horas, terá lugar a Noite Celta, na estación de Manzaneda, coa actuación do grupo Bágoas do Toxo; a banda de gaitas El Gumial, de Asturias; e as Cantareiras da Real Banda.

E xa o domingo, 1 de agosto ás 11 horas, dará comezo o XII Certame Celtibérico coa cerimonia de izado de bandeiras e bendición do campo, para posteriormente celebrarse as actuacións das bandas de gaitas e o concurso de gaiteiros solistas e de bastóns de mando. O acto finalizará cunha ofrenda floral diante do monumento a Gabino García e coa entrega de premios, galardóns que este ano representan aos gaiteiros máis importantes de Galicia e Asturias: Xan Míguez (Gaiteiro de Ventosela), Perfecto Feijoo (Gaiteiro do Lérez), Ramón García (Gaiteiro de Libardón) e Avelino Cachafeiro (Gaiteiro de Soutelo de Montes).

Artigos relacionados

Back to top button