As súas maxestades os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas de Ourense este domingo 5 de xaneiro. A cabalgata sairá dende a avenida das Caldas ás 18 horas e desfilará repartindo 3.000 quilos de caramelos ata a praza Maior, emprazamento da fin de festa das 26 carrozas participantes.
A temática elixida pola Concellería de Cultura serán os animais do mundo. Así, a Cabalgata contará a historia da viaxe dos tres reis magos polo mundo ata chegar á cidade de Ourense. No seu periplo, foron atopándose animais fantásticos e marabillosos que decidiron acompañalos para coñecer as nenas e os nenos de Ourense. Unha narrativa construída a través das imaxes oníricas propostas nos espectáculos e animacións coas representacións de diversos animais, utilizando atractivas técnicas de construción escenográfica para representar o mundo animal.
Os elementos que compoñen esta cabalgata están deseñados para a constante interacción co público, de forma que as nenas e os nenos aperten, toquen e palpen estes marabillosos seres. A través deste espectáculo, o Concello quere achegarlles o mundo animal á cativada de Ourense dunha maneira respectuosa co medio ambiente.
Máis de 300 persoas participarán activamente na Cabalgata facendo figuración. Ademais, técnicos municipais encargaranse de acompañar o desfile durante o percorrido, ademais de persoal de Protección Civil e Policía Local.