DeportesÚltima hora

Máis de 400 deportistas de 50 clubs participarán na Copa Primavera de Remo en Castrelo de Miño

A cita deportiva será a vindeira fin de semana, 8 e 9 de maio

Un dos remeiros absolutos no campionato de España de longa distancia celebrado en Castrelo de Miño./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tres meses despois do exitoso campionato de España de longa distancia, o remo regresa a Castrelo de Miño na vindeira fin de semana. Así, os días 8 e 9 de maio o parque náutico acollerá a XXVIII Copa Primavera de Remo e a XII Regata Nacional de Para-remo, nas que participarán máis de 400 deportistas de diferentes categorías, pertencentes a 50 clubs de toda España.

A presentación deste evento deportivo tiña lugar na mañá deste martes 4 de maio por parte do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, nun acto celebrado no propio Parque Náutico de Castrelo de Miño, “un escenario perfecto, dos mellores para práctica do remo e do piragüismo, que dentro duns meses albergará unha competición internacional como a Coupe de la Jeunesse, “o que permite que nestas semanas a Deputación de Ourense faga posible unha nova pista de regatas para cumprir coas esixencias normativas no máximo nivel competitivo”, afirmou Manuel Baltar, quen salientou que Ourense e o turismo deportivo “son sinónimo, e este espazo do Parque Náutico de Castrelo de Miño supón un plus de competitividade, como atracción económica e turística, e a Deputación, da man do concello e das federacións galega e nacional, estamos conseguindo posicionar á provincia como un dos grandes territorios de remo e de piragüismo de España e de Europa”.

 

Presentación da Copa Primavera de Remo no Parque Náutico de Castrelo de Miño.

 

Pola súa banda, o alcalde de Castrelo de Miño agradeceu ao goberno provincial o seu apoio ao deporte náutico e ao Concello de Castrelo de Miño, sede do Parque Náutico de Galicia, “porque o feito de que veñan competicións nacionais e internacionais sempre é algo moi positivo para toda a comarca do Ribeiro”, e tamén agradeceu á federación “que está cooperando na ampliación que estamos a facer do parque náutico e coa nova pista de remo”, expresou Avelino Pazos.

José Manuel Seijas destacou a importancia de que estas probas se celebren en Castrelo de Miño, “xa que así os clubs galegos non teñen que desprazarse a outros puntos de España, e ademais supón unha axuda económica para esta contorna, e desde o punto de vista dos deportistas, estas competicións permiten avaliar o seu estado de forma e de preparación cara os campionatos de España, que terán lugar no vindeiro mes de xuño”.

Artigos relacionados

Back to top button